23 de Febreiro de 2012

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Recolleron o leite das explotacións de Barreiros ás que deixou Leite Río

28-05-09

A MARIÑA .-As xestións realizadas  deron lugar á positiva resolución desta situación, aseguran desde o SLG, e “sobre as 14,30hrs.do mediodía de hoxe vén de facerse efectiva a retoma da recollida nas dúas explotacións de A Mariña lucense afectadas pola suspensión imposta por Jesús Lence”.

Nota de Prensa

Primeira vitoria dunha batalla que será longa.
O problema do prezo segue presente, para estas e para todas as explotacións do País

Dende o Sindicato Labrego Galego confirmamos que sobre as 14,30hrs.do mediodía de hoxe vén de facerse efectiva a retoma da recollida nas dúas explotacións d´A Mariña lucense afectadas pola suspensión imposta por Jesús Lence ante a tentativa destas explotacións de negociaren un prezo para o leite que lles permita vivir do seu traballo.

As xestións realizadas  deron lugar á positiva resolución desta situación, pola que o SLG quere amosar a súa máis fonda ledicia, ao tempo que agradecemos o grande número de mostras de apoio que se nos fixeron chegar a nós e, sobor de todo, ás familias afectadas.
Non obstante, e unha vez parada a espiral de gastos que levaría a pechar a estas dúas explotacións nuns días, dende o Sindicato Labrego Galego valoramos que esta loita non pode ter nin un día de tregua, xa que os baixos prezos establecidos para o leite en todo o País encamíñaas, ao igual que ao resto do sector, cara o peche.
Mesmo as medidas de choque que a Administración galega se comprometera a habilitar, e que todo o sector agardabamos coñecer onte,  reveláronse inexistentes tras a reunión mantida onte pola Mesa do Leite, onde ficou claro que o único que vai a haber é o adiantamento dun diñeiro que xa era noso. Nin axudas directas -que inda “están estudando”- nin os  créditos do IGAPE, van ser concedidas ás explotacións.
Da morte súbita á lenta agonía. De non acadarmos que as persoas que producen leite obteñan a cambio un prezo que lles permita vivir desta actividade, o sector leiteiro da Galiza -ao igual que está a pasar no resto de Europa, onde gandeiros e gandeiras de Alemaña, Bélxica, Portugal, Suíza e Francia estiveron levando a cabo, ao igual que o SLG, fortes mobilizacións polo prezo-, está a ser estrangulado polas leis do libre comercio neoliberal, aquelas deseñadas para as grandes empresas en troques de para as persoas.

Bitacoras Facebook Twitter Tuenti Meneame Chuza del.icio.us Digg Google Yahoo Buzz StumbleUpon