19 de Agosto de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Xunta incumpre a Lei de dereito ao acceso á información ambiental, asegura Adega

21-08-10

REFERENCIA

A Xunta incumpre a Lei de dereito ao acceso á información ambiental

20 de agosto de 2010. Alén da escurantista política informativa que está a practicar a Xunta por mor dos lumes, a administración tampouco atende á súa obriga legal de informar á cidadanía encol doutras materias de carácter ambiental. Este dereito está regulado pola Lei 27/2006, que incorpora diversas directivas europeas para garantir o libre acceso dos cidadáns á información e á xustiza en materia de ambiente. ADEGA solicitou á Xunta en repetidas ocasións informacións de carácter ambiental ao amparo desta lei, que a administración ignorou incumprindo o artigo 10.2.c.1º. Os vellos vicios (lembremos as vacas tolas, o Prestige…) son moi malos de deixar.

Dende que a administración recibe a petición de información ambiental por rexistro dispón dun mes para respostar positivamente ou xustificar as causas da demora ou denegación. Este prazo está xa sobradamente cumprido no caso de varias peticións cursadas por ADEGA nos últimos meses:

-A solicitude á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para coñecer a composición dos biocidas, as medidas de seguridade e a localización das estradas fumigadas con herbicidas (8 de xullo de 2010).
-A petición a Augas de Galiza e á consellería de Industria para coñecer o estado de tramitación dos aproveitamentos hidroeléctricos solicitados por Ferroatlántica no Xallas (14 de xullo de 2009 reiterada o 10 de xuño de 2010).

-A petición oficial á Dirección Xeral de Conservación da Natureza, efectuada o 21 de maio pasado através do organismo representativo do COGAMADES (Consello Galego de Desenvolvemento Sustentábel) para coñecer as previsións de ampliación da Rede Natura 2000 e o número e estado dos Planos de Conservación e Recuperación das especies incluidas no CGEA (Catálogo Galego de Especies Ameazadas).

-A solicitude á Delegación da Xunta en Ourense para coñecer as características do biocida empregado para o tratamento da praga dos carballos (19 de abril de 2010).

Consecuentemente, a Xunta non só está a a “xestionar” a información de xeito escurantista atendendo a intereses partidarios, senón que tamén está vulnerando flagrantemente a lei. A este respeito, a propia norma establece que en caso de reclamación do solicitante, o estado podería impoñer multas de até 6.000€ por cada día de demora aos responsábeis do incumprimento da obriga de informar (neste caso ao conselleiro de MATI, de Medio Rural, de Industria e ao Presidente de Augas de Galiza), que lóxicamente acabariamos pagando todos/as!

Alén de resultar intolerábel para unha administración o incumprimento sistemático da lei, resulta paradóxico que a “contención” informativa da Xunta en materia ambiental poida supoñer un importante desbaldimento económico para as arcas públicas en época de crise. Vaites coa austeridade!

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive