O concello de Burela organiza actividades para nenos durante todo o verán
30-06-11Nota de prensa:
O CONCELLO ORGANIZA DIVERSAS ACTIVIDADES PARA NEN@S CON IDADES COMPRENDIDAS ENTRE OS 2 E OS 12 ANOS DURANTE TODO O VERÁN. O PRAZO DE INSCRICIÓN ÁBRESE MAÑÁ 1 DE XULLO.
Burela, 30 de xuño de 2011. O Concello organiza diversas actividades para nen@s con idades comprendidas entre os 2 e os 12 anos durante todo o verán. Baixo o lema Verán activo Gaia 2011 desenvolveránse desde o vindeiro 8 de xullo e ata o 2 de setembro. O obxectivo é conciliar a vida laboral e familiar durante o tempo nos que os cativos non teñen colexio.
A Concellería de Medio Ambiente, que dirige Patricia López Eijo, en colaboración con outras delegacións municipais foi a encargada de organizar dita programación. O horario das actividades será de 9 a 14 horas de luns a venres e desenvolveránse no CEIP Vista Alegre (edificio nº 1). Segundo explica a edil popular, “as monitoras da Aula de Educación Medioambiental Gaia serán as encargadas de desenvolver este proxecto que intenta axudar aos proxenitores a conciliar a vida laboral e familiar durante o verán”.
López Eijo anunciou que “haberá contacontos, xogos ao aire libre, manualidades, reforzo escolar, concienciación medioambiental, xogos de mesa, globoflexia… que se combinarán con varias saídas: ruta das fontes, limpeza dunha praia, facer voar cometas, ruta polo paseo marítimo do Cantiño, os mariscos das nosas costas, o noso bosque, etc”.
As familias interesadas en obter máis información poder achegarse ao Concello, á biblioteca municipal ou á oficina de medio ambiente de Burela. O prazo de inscrición ábrese mañá 1 de xullo.














O pasado sábado os corredores da ED Lourenzá participaron na Clásica dos Lagos de Covadonga, onde participaron preto de 3000 ciclistas. O equipo da sección de ciclismo laurentina estivo formado por Peixe, Luís, Félix, Andrés, Diego, Longarela e Paco. A competición non foi doada xa que tiveron que superar en plena proba un desnivel de 1200 metros. A vindeira saída está prevista para este domingo día 23 de xuño cando representarán ás ED Lourenzá en As Pontes no Desafío das Fragas do Eume, cunha participación duns 10 ciclistas.
Organizadas pola ACIA de Alfoz, veñen de iniciarse este mércores día 19, unhas visitas escolares ó concello de Alfoz e ó Val do río Ouro. Vinte e un alumnos do instituto Illa de Sarón de Xove, acompañados de dous profesores, pasarán tres días polas nosas terras. Estas visitas inclúen unha chea de actividades deportivas, lúdicas e culturais, para a realización das cales colaboran diversas entidades locais, dende o mesmo concello ata asociacións culturais, deportivas, empresas, etc. A finalidade é procurar uns días de diversión ós escolares que veñan e, ó mesmo tempo, potenciar o aspecto turístico do Val.
ACISA entregou os premios do concurso convocado para elixir o slogan da próxima edición do Ribadeo aberto, que terá lugar o próximo 5 de xullo. 'Ribadeo aberto, paseo entre desexos' foi o slogan gañador. O seu autor é Marc Monforte Farnós que concorreu ó concurso co pseudónimo de Ni + ni -. El levarase 200 euros en vales de compra para gastar nos establecementos asociados a ACISA. O segundo premio de 100 euros en vales de compra foi para José Carlos Díaz Blanco. O seu slogan foi o que reuniu máis "Me gusta" en Facebook. O seu lema: 'Vén a Ribadeo e déixate levar polo seu encanto'.