Este domingo pola tarde celebrouse no Pavillón Municipal de Xove, a clausura da Escola de Patinaxe Artística. Os equipos que participaron foron os seguintes: Club Brincadeira de A Coruña, Club Campelas de Escairón, EDM Chantada, e a ACD Xove.
O martes día 18 ás 10.30 horas no Centro de Día de Menores San Aníbal de Burela terá lugar un café-coloquio con Patricia Olveira Timiraos, máxima reponsable técnica da Inspección de Servizos Sociais de Galicia. Nesta xornada os directores e técnicos municipais de Servizos Sociais abordarán as funcións e organización do Servizo de Inspección. Outro dos temas será a Inspección nos Servizos Municipais, a Inspección nos Centros de Atención Especializada dos Servizos Sociais. Esta é unha iniciativa promovida pola Congregación Fillas do Divino Celo-Rogacionistas.
O pasado sábado 15 de xuño desenvolveuse en Xove a IVª CONVIVENCIA MUSICAL na que participaron músicos de toda a provincia. Esta xornada foi organizada pola Escola Municipal de Música do Concello de Xove, e na mesma participaron uns 50 nenos/as e rapaces/as das Escola Municipais de Música de Xove, Ribadeo, Burela e Mondoñedo, así como do Centro de Música Fingoi de Lugo. Rematado o gran concerto final onde interviron tódolos participantes, o Concello ofreceulles nas instalacións do Centro Cívico un ágape a tódolos integrantes desta convivencia.
Esta semana seguen as actividades dos VII Foros Permanentes para as Mulleres. Haberá dúas charlas no salón de actos da Casa do Mar de Ribadeo. Nestes foros falarase da menopausia. 'Unha nova etapa, a menopausia, cómo a vivimos', é o título das dúas charlas. O asunto será abordado o martes, 18 de xuño, por Raquel Medina, médica no Centro de Saúde de Ribadeo. Esta conferencia será ás 18:30 horas. E da menopausia tamén falará a psicóloga Juana Blanco. Será o xoves, 20 de xuño, ás 20:30 horas. Os VII Foros Permanentes para as Mulleres, que esta semana chegan ao seu fin, incluíron obradoiros nas Anzas, Ove, Remourelle, Vilaselán, Couxela, Piñeiro, Vilaosende e Ribadeo, así coma unha nova edición dos denominados 'Domingos a pé' e unha viaxe gratificante e relaxante ao spa de Vilalba. A actividade foi organizada pola Concellaría de Igualdade, o CIM e a Área de Igualdade da Deputación de Lugo.
O grupo de Montaña do club deportivo “Marqués de Casariego” de Tapia organiza unha nova ruta de fin de semana polos Picos de Europa. Será o vindeiro sábado e domingo 22 e 23 de xuño cando se desplacen a H.Uentedé – Invernales del Texu – La Vueltota de Sotres en Camaleón (Cantabria) e Cabrales (Asturias). Trátase dunha travesía de 13 quilómetros e dificultade baixa cun desnivel de 100 metros de subida e 900 de baixada. A saída realizarase dende Tapia o sábado 22 ás catro e media da tarde. Os interesados poden obter máis información e realizar as súas inscricións ata o mércores 19 de xuño nos teléfonos: 689 175 515 (José Luis), 659 000 707 (Rafa) e 608 540 828 (Eva). Os prezos da viaxe que inclúen a viaxe en autobús, a pernocta do sábado e almorzo do domingo, ademais do teleférico de H.Uentedé será de 35 euros para os socios colaboradores, 42 para os non colaboradores e 52 para os non socios.
A Delegación de Cultura do Concello de Foz organiza os concertos de fin de curso da escola municipal de música, que se van celebrar na Casa da Cultura ás oito da tarde dende mañá, martes, ata o venres. Este último día tamén se presentará a orquestra Oresmu. O concelleiro de Cultura anunciou que “esta semana teremos unha serie de concertos de fin de curso da escola municipal de música. Comezarán mañá martes, día 18, cun concerto de percusión, clarinete e piano. O mércores 19 será de piano, vento madeira e tamén gaita. O xoves 20 será de violín, guitarra e coro, e o último día, o venres 21, será de metais. Tamén se fará a presentación da orquestra da escola municipal de música que leva o nome de Oresmu”. Sobre a orquestra que se presentará o venres Ánxel Paleo explicou que “está formada por alumnos e ex alumnos da escola de música, que levan xa tres anos xuntos. Teñen ademais dúas trompetas e un trombón e son xente de diferentes idades. Eu penso que vai ser interesante para o que queira vir velos, pois da gusto oílos”.
O centro sociocultural Manuel Díaz Sampedro acollerá o martes 18 de xuño, ás 11 da mañá, un espectáculo de maxia-clown a cargo de Maxia branca. A entrada para asistir é gratuíta tanto para nenos e nenas como para adultos. O evento está especialmente dedicado ao remate do curso escolar dos nenos e nenas dos colexios de San Miguel e San Cosme. O acto está organizado pola Concellería de Cultura e Xuventude, pola Oficina Municipal de Información Xuvenil e pola Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo. Por outra banda, a biblioteca pública municipal de Barreiros dálle os parabéns a Adrián Pérez Álvarez, que obtivo un áccesit na categoría de debuxo na fase provincial do concurso de debuxo e narración Letras Galegas 2013.
© 2013 | Crónica3 A Mariña 2008 - 2012 | RSS | Contacto | Información legal












