Impartirán os cursos de comedia da arte e interpretación de Buxiganga en Lugo e Burela
11-08-11Nota de prensa
AVELINO GONZÁLEZ E LUCÍA REGUEIRO IMPARTIRÁN OS CURSOS DE COMEDIA DA ARTE E INTERPRETACIÓN DE BUXIGANGA EN LUGO E BURELA
Avelino González, coñecido pola súa personaxe de “Miñato” na serie “Padre Casares”, impartirá o curso de Comedia da Arte no Museo de Lugo en setembro
Lucía Regueiro, habitual das montaxes de Teatro do Atlántico, impartirá o curso de Interpretación en Burela durante os sábados de setembro
LUGO, 11 de agosto de 2011. O vindeiro mes de setembro terán lugar dous novos cursos do proxecto teatral Buxiganga, posto en marcha pola Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo. En Burela, Lucía Regueiro impartirá o curso de Interpretación, e terá lugar no Auditorio da Casa da Cultura desta localidade no horario de 10.00 a 15.00 horas os sábados dese mes. Os cursos de Buxiganga están a ter moi boa acollida polas persoas vinculadas ao teatro da Mariña, a xulgar pola alta participación nos mesmos. Hai que destacar que Lucía Regueiro é unha actriz de gran prestixio dentro do audiovisual galego, ademais de participar habitualmente nas montaxes de Teatro do Atlántico, unha compañía histórica dentro do circuíto galego.
Por outra parte, o curso de Comedia da Arte terá lugar tamén no mes de setembro, pero no Museo Provincial de Lugo, en horario de 9.00 horas a 14.00 horas os sábados de dito mes. A comedia do arte é unha ferramenta imprescindible para o actor, imprescindible no teatro contemporáneo. Aqueles que se queiran introducir nesta disciplina contarán cun dos maiores especialistas nacionais a súa disposición dentro das accións formativas Buxiganga: Avelino González, máis coñecido polo seu papel de “Miñato” na serie “Padre Casares”.
Ambos os dous cursos teñen un custe de 10 euros para os actores que participan no circuíto Buxiganga e de 20 euros para os restantes. Aínda quedan prazas libres para poder participar nos cursos, polo que aquelas persoas interesadas poden chamar ao 982260141 en horario de oficina para inscribirse.
















O vindeiro sábado 25 de maio Mofa e Befa estará no Teatro Pastor Díaz de Viveiro coa obra "Románticos!". Será ás 20.30 horas cunha duración de 100 minutos e para público adulto. Mofa & Befa regresan para colocar un dos mitos contemporáneos no seu sitio: o espírito romántico.
Os usuarios da Asociación de Axuda ó Enfermo Mental A Mariña desprazáronse a Chavín a visitar os “Eucaliptos de Chavín”, no Souto da Retorta. Alí tamén puideron coñecer o avó de Chavín, un eucalipto de 130 anos. Esta xornada permitiu un acercamento á natureza que redunda positivamente na súa melloría. Ademais, compartiron risas e coñecementos que favorecen a creación de grupo e a integración na comunidade.
Alumn@s do IES Vilar Ponte de Viveiro participaron no Monasterio de Celanova nunha Unidade Didáctica sobre o órgano. O alumnado vivairense estivo acompañado polos tres profesores que forman o departamento de Música. A sesión explicativa sobre o órgano correu a cargo de Marisol Mendive, profesora de órgano do Conservatorio de Ourense. Estas sesións véñense celebrando desde fai varios cursos escolares e o IES Vilar Ponte é a primeira vez que participa. A xornada consiste nunha explicación e aproximación ao instrumento, que logo conclúe cun concerto didáctico onde os alumn@s interpretan unha serie de partituras á frauta e son acompañados pola organista. A experiencia resultou moi amena para o alumnado, que ten a oportunidade de ver de cerca o funcionamento deste instrumento; no caso do de Celanova unha verdadeira xoia do patrimonio galego.
A Asociación de Mujeres en Igualdad Burela e Meniñ@s Centro de Formación y Ocio Educativo de Burela firman un convenio polo cal o centro ofrece de forma totalmente gratuita dúas prazas en turno de mañás para nenos cuxas nais se atopen en situación de exclusión social. Ademais, está orientado a fillos de vítimas de violencia de xénero. Desta forma, Meniñ@s quere colaborar coa labor que está a realizar a asociación Bumei.