Presentan fotografías da fototeca “Ribadeo na memoria” na igrexa da Atalaia
20-08-11Nota de prensa
A IGREXA DA ATALAIA ACOLLERÁ MAÑÁ POLA NOITE A PRESENTACIÓN DE RIBADEO NA MEMORIA. O PROXECTO DA FOTOTECA CONTA XA CON MÁIS DE 2.000 IMAXES DA VILA E DAS PARROQUIAS.
Ribadeo, 20 de agosto de 2011. Preservar esta parte do patrimonio que son as fotografías é o obxectivo último deste proxecto Ribadeo na memoria que, co patrocinio da Área de Cultura da Deputación de Lugo, levan a cabo diferentes áreas do Concello de Ribadeo.
Logo dun primeiro traballo de recollida de fotos anteriores a 1970 na que colaboraron particulares e asociacións de veciñas e veciñas Ribadeo na memoria leva xa recollidas máis de 2000 imaxes que formarán parte da web http://namemoria.ribadeo.org á que se poderá acceder tamén a través do sitio en internet do propio Concello. Son varias as escolas das parroquias do rural onde xa quedan as fotografías reproducidas (Ove, Couxela, Rinlo, Vilaframil, Vilaselán, Remourelle…). A partir de outubro volverase ao traballo ata completar todo o Concello.
Desde a Concellaría de Cultura explican que “polo que respecta ao arquivo de Ribadeo, imos ter oportunidade de ver unha escolla de fotos no forte San Damián a partires do día 23 deste mes de agosto e ata que rematen as festas patronais. Na exposición poderanse ver tamén cámaras antigas emprestadas por un dos fotógrafos máis importantes da vila, Balbino Pérez”.
O acto central vai ter lugar este domingo ás 21.30 horas e tres son os temas arredor dos cales se organizará a presentación: a vila, arredor do porto e a ría e nós. Vai haber tamén unha mención especial para a figura relevante de José Fernández Cancio, “José do Bazar”, un fotógrafo autodidacta e afeccionado que se converteu nun auténtico cronista da vida dos ribadenses. O evento vai consistir nunha proxección de fotografías. Intervirán o alcalde, Fernando Suárez, a concelleira de Cultura, Mª Luz Álvarez Lastra, e o profesor Roberto Rodríguez. “Preténdese que sexa tamén un pequeno acto de recoñecemento a todas as persoas que se dedicaron e se dedican a captar a nosa vida coas súas cámaras. É por iso que entre os convidados están, á parte de fotógrafos en activo como Miguel, Suso, Fernando Fernández Páez ou Diego Casado, outros que xa non exercen como Agustín Fernández Galián (Cartagena), Gonzalo Montero, e familiares de Suso Peña, Antonio Ramil, Domingo Sáez ou Balbino Pérez”, sinalan desde Cultura.
A igrexa da Atalaia é o edificio relixioso máis antigo da vila e no seu adro celebrábanse os concellos abertos para debater os temas que afectaban os veciños. A pesares da súa importancia moitos/as ribadenses nunca entraron na Atalaia. Este domingo vai estar aberta desde media hora antes do acto para que todas aquelas persoas que queiran poidan coñecer o templo.














Organizadas pola ACIA de Alfoz, veñen de iniciarse este mércores día 19, unhas visitas escolares ó concello de Alfoz e ó Val do río Ouro. Vinte e un alumnos do instituto Illa de Sarón de Xove, acompañados de dous profesores, pasarán tres días polas nosas terras. Estas visitas inclúen unha chea de actividades deportivas, lúdicas e culturais, para a realización das cales colaboran diversas entidades locais, dende o mesmo concello ata asociacións culturais, deportivas, empresas, etc. A finalidade é procurar uns días de diversión ós escolares que veñan e, ó mesmo tempo, potenciar o aspecto turístico do Val.
ACISA entregou os premios do concurso convocado para elixir o slogan da próxima edición do Ribadeo aberto, que terá lugar o próximo 5 de xullo. 'Ribadeo aberto, paseo entre desexos' foi o slogan gañador. O seu autor é Marc Monforte Farnós que concorreu ó concurso co pseudónimo de Ni + ni -. El levarase 200 euros en vales de compra para gastar nos establecementos asociados a ACISA. O segundo premio de 100 euros en vales de compra foi para José Carlos Díaz Blanco. O seu slogan foi o que reuniu máis "Me gusta" en Facebook. O seu lema: 'Vén a Ribadeo e déixate levar polo seu encanto'.