21 de Outubro de 2014

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O selo de calidade PescadeRías rematou 2011 con máis de 11 toneladas de produto certificado

23-02-12

Nota de prensa

SELO DE CALIDADE PescadeRías REMATOU 2011 CON MÁIS DE 11 TONELADAS DE PRODUTO CERTIFICADO GRAZAS ÁS ACCIÓNS PROMOCIONAIS DA XUNTA

?       O secretario xeral do Mar, Juan Maneiro, destacou no Parlamento o aumento significativo da certificación de produtos da pesca artesanal, pasando de máis de 2.800 toneladas no 2009 a máis de 11.400 en 2011, multiplicándose por catro a cifra de toneladas certificadas

?       A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, aclarou que a día de hoxe “non existen cantidades pendentes de pago aos Grupos de Acción Costeira por parte da Consellería do Medio Rural e do Mar”

?       En canto a reformulación do contrato dos helicópteros de Gardacostas, o secretario xeral técnico, Francisco Vidal-Pardo, lembrou que a Consellería a resolveu de mutuo acordo coa empresa adxudicataria do servizo

Santiago, 23 de febreiro de 2012.- O selo de calidade PescadeRías rematou 2011 con máis de 11 toneladas de produto certificado grazas ás accións promocionais da Xunta. O secretario xeral do Mar, Juan Maneiro, deu conta na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo da evolución desta marca de calidade da que destacou o aumento significativo da certificación de produtos procedentes da pesca artesanal, pasando de máis de 2.800 toneladas no 2009 a máis de 11.400 en 2011, multiplicándose por catro a cifra de toneladas certificadas.

En canto aos establecementos adheridos a este selo, o secretario xeral do Mar engadiu que na actualidade hai certificadas 22 lonxas e centros de primeira venda, 11 depuradoras, 14 distribuidores por xunto e 4 empresas transformadoras. Ademais destacou que na campaña de Nadal as depuradoras de molusco puxeron no mercado máis de 26 toneladas de moluscos certificados con PescadeRías .

Juan Maneiro explicou que este avance se debe á reorientación que a Consellería do Medio Rural e do Mar aportou a este selo a través de accións realizadas para mellorar o seu posicionamento no mercado. Entre estas iniciativas destaca o convenio asinado no 2011 coa Confederación Galega de Hostalería -CEHOSGA-, que permitiu incorporar ao selo 36 restaurantes galegos entre os que están todos os paradores da comunidade galega e a maioría dos establecementos con estrela Michelín de Galicia. O secretario xeral do Mar engadiu que tamén se está desenvolvendo unha campaña de captación, especialmente entre os distribuidores por xunto e que está dando como resultado novas incorporacións de empresas certificadas.

Outras accións desenvolvidas polo departamento de Rosa Quintana para impulsar PescadeRías son o novo portal web para informar aos consumidores e servir de ferramenta ás empresas certificadas e a guía metodolóxica que pretende orientar aos usuarios da marca, facilitándolle o seu traballo. Ademais a Consellería do Medio Rural e do Mar colabora coa de Economía e Industria en informar aos vendedores polo miúdo, especialmente nos mercados de abastos, onde se comercializa unha gran cantidade de produto certificado.

Grupos de Acción Costeira

Respecto dos pagamentos aos Grupos de Acción Costeira, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, insistiu na Comisión 8ª que a día de hoxe “non existen cantidades pendentes de pago aos grupos por parte da Consellería do Medio Rural e do Mar”. A directora xeral indicou que o seu departamento segue apostando decididamente polos GAC cun importante esforzo orzamentario a pesar da actual situación económica. Proba clara deste compromiso, dixo Susana Rodríguez, son os máis de 2,4 millóns de euros transferidos aos grupos dende o 2009 para gastos de funcionamento e sensibilización e promoción.

En canto aos custos de funcionamento dos grupos deste ano, a directora xeral informou que existe unha autorización de crédito por importe de máis de 810.000 euros e que neste momento están tramitados os anticipos correspondentes aos gastos de funcionamento para tódolos grupos, que supoñen un importe de máis de 320.000 euros e que “confiamos que todos os grupos sen excepcións sexan quen de executar axeitadamente e en prazo” ,sinalou a directora xeral.

Helicópteros Gardacostas

En canto a reformulación do contrato dos helicópteros do servizo de Gardacostas, o secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural e do Mar, Francisco Vidal-Pardo, lembrou que a Consellería do Medio Rural e do Mar resolveuna de mutuo acordo coa empresa adxudicataria do servizo. Este contrato será mixto de servizo e venda coa empresa adxudicataria e consistirá na prestación do servizo de operatividade e mantemento das dúas aeronaves -Pesca I e Pesca II- coa obriga, por parte da empresa que resulte adxudicataria, non só de utilizar os helicópteros, senón de adquirilos con pago diferido ao longo da duración do contrato, que será de 5 anos.

Respecto da peritaxe para a adquisición dos helicópteros por parte da empresa que resulte adxudicataria, Vidal-Pardo informou de que se está realizando unha segunda taxación que reforza a imparcialidade e independencia neste proceso. O secretario xeral técnico insistiu en que mentres non se realice a licitación desta nova modalidade contractual o servizo mantense do mesmo xeito, garantindo de protección do litoral galego as 24 horas do día os 365 días ano e co mesmo número de  profesionais de salvamento.

Cabe lembrar que a reformulación deste contrato supón un aforro aproximado de arredor de 2,7 millóns de euros anuais optimizando os custos, acadando máis operatividade e eficacia neste servizo e garantindo como na actualidade a protección de todo o litoral. Ademais esta fórmula posibilita maior concorrencia competitiva para o desenvolvemento do servizo e permite actualizalo podendo optar a aeronaves máis avanzadas tecnoloxicamente.

Article Global Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Eli Pets