23 de Outubro de 2014

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Asociacións ecoloxistas rexeitan a Lei de Caza de Galicia por ceder a xestión do monte aos cazadores

07-03-12

Nota de prensa:

ADEGA, FRUGA e a ORGACCMM rexeitan a lei de caza do PP por ceder a xestión do monte aos cazadores

6 de marzo de 2012. Logo de ter revisado polo miúdo o borrador da nova Lei de Caza sometido a información pública, ADEGA, FRUGA e a ORGACCMM vémonos na obriga de solicitar á Xunta a retirada do actual documento. Trátase dunha norma feita por e para os cazadores, que minimiza o papel da administración, xeralizando a discrecionalidade e entregando a xestión da fauna cinexética aos cazadores máis cavernícolas en detrimento doutros sectores e da sociedade en xeral. O borrador do PP, cociñado por dous avogados de Silvanus cun custo de 49.000€ é en esencia similar á lei de 1997, convintemente retocada para “liberalizar” a caza e reducir o papel da administración a mera tramitadora de permisos. Fronte a este despilfarro, ADEGA encarregou a Martiño Nercellas, biólogo especialista en xestión cinexética, unha proposta de [pdf] nova Lei_de_Caza_(495 Kb) dende a sustentabilidade, que queremos achegar aos grupos políticos con custo 0 para a facenda pública.

Consideracións xerais ao actual borrador da Lei de Caza:

Lamentábel folleto sobre a caza da Federación Galega de CazaA exposición de motivos da lei non logra xustificar a necesidade de promulgar unha nova norma e derrogar a actual lei de 1997, existindo unha clara contradición entre os motivos presentados como necesarios para crear unha nova lei e o seu articulado. De feito, a maioría dos artigos do novo anteproxecto son similares á actual lei de caza e as modificacións introducidas perseguen a consecución dun novo modelo cinexético, a limitación da responsabilidade da Xunta polos danos do porco bravo e a maior facilidade para efectuar o control desta especie recorrindo á excepcionalidade como norma, ademais de introducir rebaixas normativas que permiten entregarlle de feito a xestión da caza a unha parte dos grupos de interese da actividade cinexética (neste caso os cazadores e máis en concreto a Federación Galega de Caza).

A nível de detalle podemos salientar como aspectos a ter en conta:

É unha lei feita por e para os cazadores en exclusiva, esquecendo a administración que a caza é un recurso máis do medio rural que comparte o mesmo territorio con outras actividades, polo que é preciso compatibilizar o seu desenvolvemento con outros usos que se poidan dar no mesmo tempo e lugar.

Existe unha usurpación dos dereitos de propiedade. A cesión do aproveitamento establécese nun mínimo de dez anos, chegando a falar de prórrogas indefinidas da cesión do aproveitamento cinexético. A persoa propietaria ou titular que non queira ceder o aproveitamento cinexético, ten que soportar o custo de sinalización da súa propiedade. Portanto, existe un claro prexuízo das persoas propietarias en beneficio das persoas cazadoras.

As rebaixas e recurtes introducidos fan referenza ás obrigas dos cazadores, ás obrigas da administración, á redución na seguridade, á participación da sociedade na regulación da actividade cinexética e á rebaixa na idade mínima para poder cazar que se establece en 14 anos.

Hai unha redución nas medidas de seguridade das persoas, tanto as participantes na actividade cinexética como as terceiras (persoas que non participan na actividade cinexética, pero desenvolven outras actividades no medio onde se realiza o aproveitamento cinexético); chegando incluso a permitirse que o xefe territorial poida, con carácter discrecional, deixar sen efecto as limitacións en materia de seguridade vinculada a camiños e vivendas.
Elimina a participación e o control da sociedade na regulación da actividade cinexética. Neste sentido a nova norma elimina do Comité Galego de Caza e dos Comités Provinciais de Caza aos grupos ecoloxistas, representantes das persoas propietarias, universidades e investigadores (presentes na actual lei de caza), non incorpora unha representación de axentes, gardas e vixiantes de caza e deixan tan só á administración e a cazadores como integrantes destes.

Autoriza de forma discrecional competicións de caza fóra do período hábil, o que na práctica permite que se poida estar cazando todo o ano.

Permite dentro de espazos naturais protexidos a declaración de explotacións cinexéticas comerciais de caza maior en superficies maiores de 500 has.

Elimina a obriga de que os TECORES tiñan de ter contratado un servizo de vixianza.

Introduce a caza en tobo, unha modalidade de caza moi cuestinada polas súas repercusións tanto ás especies cinexéticas como aos cans de caza.

Introdúcense infraccións ficticias (penalizar á persoa propietaria que espante a caza presente nas súas terras dentro do desenvolvemento dunha cacería) que teñen por obxecto disuadir aos movementos cívicos que se opoñen á actividade cinexética na súa propiedade.

Carencias:
Cartaz da Feira Venatoria de 2912, exemplo do sexismo máis rancioEntre as principais carencias podemos citar:

Non se fala nada sobre o fomento de prácticas de mellora de hábitats ou de pureza das especies cinexéticas, nin da certificación de calidade nin de axudas a estes aspectos, perpetuando a diminución e abandono das especies de caza menor.

Non concreta a capacidade dos axentes facultativos de medio ambiente para inspeccionar vehículos relacionados coa actividade cinexética.
Non menciona a necesidade de formación dos axentes en materias relacionadas coa actividade cinexética.
Non especifica a prohibición de repetir mancha nunha mesma tempada en coutos de caza maior abertos (art. 38, apartado k da Lei de Caza de Extremadura).
Non recoñece a necesidade de expoñer as xustificacións e os datos científicos que respalden as solucións adoptadas cando se pretenda deixar sen efecto as prohibicións previstas na propia lei, especialmente no relativo ao control dos danos do porco bravo.
Non se fala nada da necesidade de autorizar e controlar as soltas e repoboacións de especies cinexéticas polo órgano competente, para velar pola pureza xenética das especies e para evitar a propagación de epizootia, especialmente relevante na caza menor (art. 3.3. da Lei de Caza do País basco).
Necesidade de articular un sistema eficaz de rexistro do rendemento de capturas en TECORES de caza maior, anualmente (“censo de caza”, no art. 8 da Lei de Caza do País Basco). Debe existir un artigo específico que concrete a obriga dos TECORES a proporcionar información veraz e detallada da relación de especies e capturas, alén da obrigatoriedade das memorias anuais. A consellería competente debería elaborar anualmente un Rexistro de Rendemento Cinexético en base ás memorias que cada ano lle presenten os TECORES. Este rexistro debe ser de consulta e uso público.
Non se inclúe un artigo específico sobre a capacidade da administración competente de vedar un TECOR atendendo á necesidade de conservación das especies debido a circunstancias de especial incidencia sobre a fauna (incendios, por exemplo) (ver art. 16.7. da Lei de Caza do País basco).
Non se condiciona a declaración e aprobación dun TECOR societario a que a sociedade que o impulsa presente un contrato de responsabilidade civil e un contrato de gardería cinexética, para visar ao comezo da explotación do couto.
Non hai unha forte vinculación entre o aproveitamento cinexético coa sustentabilidade ambiental e coas normas vixentes en conservación da natureza.
Non hai unha soa referenza á Reserva Nacional de Caza de Ancares, unha figura que se rexe por unha norma estatal dos anos sesenta e que precisa incorporarse á normativa autonómica.
Non hai referenza a unha prevención activa que os danos das especies cinexéticas provocan nos cultivos e na rede viaria (accidentes). Hoxe en día esta é unha das principais facetas que ten que resolver unha nova lei de caza, e na redacción actual está completamente ausente (tanto na planificación como na xestión).

En resumo, o texto do anteproxecto presentado parece máis unha encomenda “ad hoc” das persoas cazadoras que un proxecto de lei que mira polo interese xeral. Neste sentido é preciso denunciar á rebaixa nas obrigas de cazadores e administración en detrimento do resto da sociedade, que é a gran prexudicada.

Por todo o expresado con anterioridade, as organizacións asinantes deste documento expresamos o total rexeitamento das nosas organizacións ao anteproxecto da Lei de Caza, e pedímoslle á Xunta a paralisación do proceso e a retirada do actual borrador para iniciar un novo procedemento transparente, participativo, coerente e rigoroso.

Article Global Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Eli Pets