Cultura e Educación presenta ao alcalde de Burela o proxecto da Rede de Dinamización Lingüística
O secretario xeral de Política Lingüística visitou hoxe a localidade mariñá para reunirse co alcalde, ao que lle presentou o proxecto da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia
Valentín García participou tamén nunha sesión de dinamización lingüística organizada polo IES Perdouro e tivo ocasión de coñecer de primeira man as liñas de traballo que están a desenvolver desde este centro educativo no marco do ‘Proxecto Burela’
A Consellería Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presentou hoxe ao alcalde o proxecto da Rede de Dinamización Lingüística que a Xunta de Galicia puxo a andar en setembro de 2010 e que a día de hoxe conta xa con preto de 120 entidades adheridas. Para iso o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, desprazouse hoxe ata Burela, onde mantivo unha xuntanza con José González Barcia, alcalde da localidade.
Logo do encontro, o secretario xeral e o alcalde achegáronse ao IES Perdouro, para coñecer en profundidade o desenvolvemento do programa de integración intercultural “Modelo Burela”, impulsado desde a súa Área de Innovación Educativa, en colaboración con outros centros educativos da Mariña Lucense e tamén co Concello de Burela, que conta cun Proxecto de Planificación Lingüística.
O director do centro educativo, Juan G. Sama, a coordinadora da Área de Innovación Educativa, María José Andión Fontela e o profesorado implicado no Proxecto de Innovación Educativa deste centro expuxéronlle polo miúdo ao secretario xeral as iniciativas de dinamización lingüística que se están a desenvolver desde o centro, en colaboración con outras entidades do tecido social burelao.
García Gómez tamén tivo ocasión de coñecer persoalmente o funcionamento do programa de actividades do Ciclo Formativo de Desenvolvemento de Produtos Informáticos.
Sesión didáctica arredor da dinamización do galego
A sesión didáctica, na que participou García Gómez acompañado do alcalde de Burela, así como do profesorado e alumnado dos centros educativos da localidade burelá, estivo dirixida pola profesora Margarita López e incluíu visitas a diversas entidades comerciais. A primeira parada foi nos locais do Ximnasio Breogán, onde a comitiva puido dar conta en primicia dos primeiros resultados da montaxe dun videoclip de homenaxe ao célebre grupo musical “Os Resentidos”, no marco dun produto musical recompilatorio de dous grupos musicais da Mariña Luguesa –a Orquestra Alma Latina (Burela) e Safari Orquestra (Lourenzá)- que proximamente se presentará ao público xeral en diversas localidades galegas.
Logo de percorrer outros negocios e para concluír a sesión, García Gómez e o resto dos participantes mantiveron un encontro cos responsables da Asociación de Comerciantes, Industriais e Austónomos (ACIA) local, que lle trasladaron ao secretario xeral os seus proxectos e lle fixeron entrega dun arquivo recompilatorio con mostras das numerosas actividades realizadas pola devandita asociación dende que foi revitalizada.
‘Proxecto Neo‘
No marco do “Proxecto Burela“ desenvólvese, desde o mes de xaneiro, „Proxecto Neo“, a nova iniciativa radiofónica sobre a lingua galega impulsada desde o IES Perdouro, en colaboración con Radio Burela. O programa, que se centra na integración lingüística das persoas neofalantes, emítese cada mércores en horario de 17:00-18:00 horas e está dirixido e conducido por Bernardo Penabade, profesor de Lingua galega e literatura no instituto burelao e coordinador do “Modelo Burela“. Tamén conta con emisión a través de Internet e con presenza nas redes sociais.
O ‘Modelo Burela‘
O coñecido “Modelo Burela” de Planificación Lingüística constitúe xa todo un referente no ámbito da dinamización lingüística no ensino. O IES Perdouro botou a andar o proxecto no curso académico 2005-2006 e foi precisamente no presente curso 2011-2012 un dos cinco aos que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria –a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística- lles outorgou cadanseu premio de innovación en dinamización lingüística, no marco da convocatoria anual de Cultura e Educación dirixida ao fomento do desenvolvemento de proxectos educativos innovadores que impliquen o uso da lingua galega e o coñecemento da cultura de Galicia.
O “Modelo Burela” busca dinamizar a lingua galega desde a adquisición da competencia lingüística do alumnado en tres idiomas: galego, castelán e unha terceira lingua internacional. Durante este curso académico, o proxecto chega aos seis cursos en desenvolvemento e dá novos pasos coa posta en marcha iniciativas dinamizadoras no comercio e na empresa local.
GONZÁLEZ BARCIA ASEGUROU QUE O GALEGO ESTÁ IMPLANTADO DESDE HAI ANOS NO CONCELLO DE BURELA E SUBLIÑOU QUE “ESTAMOS A CUMPLIR ESCRUPULOSAMENTE COA LEI DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA”.
Burela, 30 de abril de 2012. O alcalde de Burela, José María González Barcia, asegurou esta tarde que o galego está implantado desde hai anos en todas as tarefas administrativas que se realizan no Concello. E valorou de xeito positivo a visita cursada esta tarde a Burela polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
O rexedor agradecéulle ao secretario xeral de Política Lingüística a súa visita a Burela “porque demostra o apoio deste departamento da Xunta á labor que o Concello de Burela ven desenvolvendo desde que se segregou de Cervo. Refírome ao uso do noso idioma durante todo este tempo, todas as tarefas administrativas que se levan a cabo no Concello, comunicacións, edictos, bandos, decretos da Alcaldía, actas, etc, están en galego. Eso quere decir que nós estamos a cumplir escrupulosamente coa lei de normalización lingüística”.
González Barcia explicou que “ademáis deso un bó número dos volumes da biblioteca municipal están en galego, unha porcentaxe moi alta. E desde a Concellería de Educación e Cultura se potencia o emprego do galego en todos aqueles certames e concursos que se convocan. Esto é un bó sinal”. E engadiu que “nós no caso de dirixirnos a persoas que non coñecen o galego, tanto a nivel político como dos funcionarios que atenden aos cidadáns no Concello, empregamos a lingua castelán. O galego é a lingua vehicular no Concello de Burela, pero nos casos nos que as persoas que veñen non dominan a nosa lingua empregamos o castelán”.
O alcalde de Burela espera e confía “en que esta visita sirva para poñer en marcha algunha actividade entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Concello de Burela, reforzar os lazos xa existentes e desta forma poder seguir fomentando o emprego da nosa lingua respectando a lei de normalización lingüística e todo o que trae consigo”.
Remitido
————————————
O SECRETARIO XERAL DE POLÍTICA LINGÜÍSTICA FAI UN “CHEQUEO” AO MODELO BURELA
Valentín García participará nunha sesión de dinamización lingüística e reunirase cos diversos sectores sociais implicados nesta iniciativa cultural
O Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia visitará Burela para coñecer en profundidade o desenvolvemento do programa de integración intercultural “Modelo Burela”, impulsado pola área de innovación educativa do Instituto Perdouro, en colaboración con outros centros educativos da Mariña e co propio Concello de Burela, que aprobou un Proxecto de Planificación Lingüística en abril de 2008.
O próximo luns, día 31 de abril, Valentín García Gómez será recibido ás 16:00 horas no Instituto Perdouro polo director do centro, Juan G. Sama, e pola coordinadora da área de innovación, María José Andión Fontela. Seguidamente coñecerá persoalmente o profesorado implicado no Proxecto de Innovación Educativa, que recibiu por quinta vez consecutiva un dos premios outorgados pola Consellería de Educación en colaboración con Política Lingüística e que este ano traballa no impulso do comercio e a empresa locais.
No propio IES Perdouro, o Secretario Xeral coñecerá en directo funcionamento do programa de actividades do ciclo formativo de Desenvolvemento de Produtos Informáticos, en cuxos contidos curriculares está plenamente conseguida a normalización lingüística. A sesión didáctica estará dirixida pola profesora Margarita López Periago, que participa activamente no Proxecto Neo, dedicado á integración das persoas neofalantes.
Fóra do recinto escolar, Valentín García visitará diversas entidades comerciais da localidade, acompañando unha sesión de dinamización lingüística realizada por profesorado e alumnado dos institutos de Burela. A primeira parada (sobre as 16:45) será nos locais do Ximnasio Breogán, onde a comitiva poderá visualizar en primicia os primeiros resultados da montaxe dun videoclip de homenaxe ao célebre grupo musical “Os Resentidos”, un produto musical que recolle traballos de dous grupos musicais da Mariña -Orquestra Alma Latina (Burela); e Safari Orquestra (Lourenzá)- e que proximamente se presentará ao público xeral en diversas localidades galegas.
A xornada finalizará (por volta das 17:30 horas) co encontro dos participantes na sesión educativa cos responsables da ACIA local, que aproveitarán para explicarlle os seus proxectos ao Secretario Xeral de Política Lingüística ao tempo que lle farán entrega dun arquivo que recolle mostras das numerosas actividades realizadas por esta asociación desde que foi revitalizada.
Remitido





















A mostra, aberta na sala de exposicións do Auditorio Municipal de luns a venres entre as 18:00 e as 22:00 horas, reúne preto de 30 obras de artistas emerxentes e consolidados, ofrecendo diversas miradas sobre a paisaxe, a identidade, a memoria e a realidade contemporánea. A alcaldesa, Marta Rouco, destacou o valor de que Vilalba forme parte desta programación compartida e o impacto positivo que supón para a actividade cultural local.
No acto impuxéronlles o birrete e entregáronlles diploma e orla. Despois cantaron unha canción para as familias asistentes. Houbo moitos aplausos e algunhas lágrimas de emoción.
A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, destacou o carácter participativo da iniciativa, organizada xunto á Xunta e co apoio do Concello. O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, puxo en valor o traballo colectivo e a implicación das novas xeracións. O concerto estivo dirixido por Maximino Zumalave, coa formación Hércules Brass e Rosa Aneiros como mantedora. Ademais, anunciouse que a próxima edición estará dedicada a Xosé Neira Vilas.
Trátase dun programa de actividades para a infancia e a mocidade que se desenvolverá en xullo e agosto con propostas educativas, deportivas e culturais pensadas para facilitar a conciliación familiar. A oferta inclúe ludoteca, talleres creativos e tecnolóxicos, deporte, contacontos e eventos comunitarios como o Mercado Infantil Solidario ou o Carnaval de Verano. As inscricións realizaranse do 1 ao 15 de xuño no Concello, con prioridade para menores empadroados. O programa reforza o compromiso municipal co apoio ás familias e cun verán activo e accesible para a mocidade do concello.
A saída será ás 10:00 desde El Bao, con autobuses ás 9:00 desde Navia, e a chegada arredor das 16:30 seguida dunha festa na dársena. As inscricións estarán abertas do 31 de maio ao 12 de xuño na Casa do Deporte ou en liña por 7 €. O Concello anima a participar nesta cita que combina natureza, deporte e convivencia.
A festa incorporou unha mesa doce decorada con temática de faros e unha sesión de coctelería dedicada á elaboración de vermús. As persoas asistentes recibiron ademais un detalle conmemorativo: unha botella de aceite de oliva virxe extra de Oleonavas, en homenaxe ás raíces familiares do propietario. O evento incluíu numerosos sorteos grazas á colaboración de diferentes empresas, con premios como comidas en O Noso Lar, na Bodega de Ana ou no Restaurante Nito, ademais de licores, paletillas e circuítos termais. Para esta ocasión preparouse tamén unha carta especial con táboas de carne e instalouse un mural conmemorativo no local. O establecemento agradeceu a fidelidade da clientela e o apoio da veciñanza ao longo desta década, fundamentais para acadar este aniversario tan significativo.
Tras máis de vinte anos dedicada ao debuxo científico, expón desde 2013 e a súa pintura, definida pola crítica como expresiva, colorista e próxima ao surrealismo, chegou xa a numerosos países europeos e americanos. 



