O GOBERNO MUNICIPAL PRETENDE LEVAR ADIANTE UN REAXUSTE NAS FUNCIÓNS DA RPT DOS EMPREGADOS PÚBLICOS MUNICIPAIS. A PROPOSTA MANTÉN TODOS OS POSTOS DE TRABALLO, NON CONLEVA UN SÓ RECORTE SALARIAL E ESTÁ ABERTA Á NEGOCIACIÓN. FERNANDO SUÁREZ SUBLIÑA QUE O OBXECTIVO É SER MÁIS PRODUTIVOS POLO BEN DOS VECIÑOS E DAS VECIÑAS DE RIBADEO.
Ribadeo, 16 de maio de 2012. O Goberno Municipal de Ribadeo ven de repartir entre as traballadoras e os traballadores do Concello unha comunicación sobre o cumprimento do horario laboral e dos reaxustes nas funcións da RPT dos empregados públicos municipais.
A proposta do Goberno Municipal mantén todos os postos de traballo, non conleva un só recorte salarial e está claramente aberta á negociación naquilo que é negociable. Na vontade do Goberno Municipal está procurar o acordo en todos os casos nos que sexa posible e que o servizo aos cidadáns se vexa mellorado.
Comunicado aos traballadores
O Goberno Municipal do Concello de Ribadeo entende que a conxuntura actual esixe unha fonda análise das mudanzas que son precisas para facer dos Concellos institucións máis eficaces, máis transparentes e máis próximas e útiles ao conxunto da cidadanía.
Nun tempo no que por parte das administracións se recurtan servizos, se eliminan dereitos sociais e laborais e se piden esforzos a unha cidadanía que non provocou a grave crise que lle están obrigando a pagar, é xusto e necesario que os concellos dean exemplo e leven adiante medidas estruturais que melloren, xustifiquen e evidencien o compromiso co servizo público e coa veciñanza que todas as súas áreas deben ter sempre presente, desde os responsábeis políticos aos técnicos municipais, desde o Alcalde ata o último traballador.
É evidente que desde a cidadanía, con toda a lexitimidade e razón, se esixe hoxe aos representantes políticos e ás administracións públicas, maior transparencia, maior participación e maior vocación e compromiso co servizo público. No Goberno Municipal de Ribadeo cremos e defendemos firmemente a acción política desde o ámbito público -que é a que garante a existencia de posibilidades reais de equidade e de benestar para as maiorías sociais, para todos e todas- e xustamente por iso pensamos que nos debemos autoesixir maiores cotas de eficacia, maior aproveitamento da nosa estrutura de persoal e maior capacidade para atender da mellor maneira aos cidadáns.
Somos un concello que dá un servizo amplo e de calidade aos seus veciños e veciñas. Temos uns bos servizos sociais e unha boa oferta cultural e de lecer, apostamos firmemente pola igualdade e pola sensibilización e activación da mocidade, apoiamos e colaboramos de forma constante cos nosos centros de ensino, xeramos iniciativas que dinamizan –da man das diferentes asociación sectoriais- o comercio local e o sector terciario, atendemos de xeito razoablemente adecuado as necesidades medioambientais e do medio rural, conseguimos un importante avance no saneamento das contas municipais, etc … En xeral podemos estar orgullosos do que entre todos e todas fomos construíndo. Mais, con todo, é certo tamén que o Concello mantén hoxe figuras e estruturas de funcionamento que quedaron francamente obsoletas e que non resolven nin atenden adecuadamente moitas das necesidades actuais.
É por iso que presentamos e explicamos ao Comité de Empresa e ás organizacións sindicais unha proposta de actualización da Relación de Postos de Traballo (RPT), que inclúe nalgúns casos reaxustes nas funcións para un mellor servizo aos veciños/as, así como unha distribución de horarios máis acorde coas necesidades deste Concello.
Buscando favorecer a información directa aos cidadáns das nosas propostas, explicamos aquí as liñas xerais e obxectivos básicos da mesma:
1. Buscamos mellorar o servizo que prestamos como Concello aos cidadáns e aproveitar mellor os recursos dos que hoxe xa dispomos. É factible e necesario -sen aumentar persoal- mellorar o servizo en varias das áreas de Goberno, a través de modificacións negociadas nas funcións e nos horarios de traballo naqueles casos que sexa necesario.
2. Defendemos a función pública e o seu carácter imprescindible para garantir a equidade e o benestar social. Por iso mesmo, pensamos que a mellor maneira de defender a función pública é dando exemplo, sendo exemplares no cumprimento das funcións e dos horarios e mostrando compromiso no desenvolvemento das tarefas e dos traballos.
3. A nosa proposta é unha proposta que mantén todos os postos de traballo e non conleva un só recorte salarial. E concrétase en:
-A nivel de duración das xornadas de traballo, unicamente esixe que se traballen todas as horas polas que se cobra: 37´5 horas á semana. Nin unha máis nin unha menos.
-A nivel de horarios da xornada de traballo propón modificacións naqueles casos nos que resultan necesarias ou mesmo imprescindibles para ofrecer realmente un servizo axeitado e de calidade. Iso suporá nalgúns casos atención algunhas tardes á semana.
-A nivel de funcións de cada posto de traballo, procúrase a versatilidade, o aproveitamento das posibilidades do persoal e a coordinación do mesmo no desenvolvemento das tarefas asignadas.
4. A proposta de modificación da RPT municipal que fai este Goberno está claramente aberta a negociación naquilo que é negociable: a forma na que se van cumprir a totalidade dos horarios laborais e se vai procurar un mellor servizo á cidadanía. Por iso mesmo este Goberno Municipal solicitou o contraste e a realización de propostas por parte dos representantes dos traballadores e traballadoras. Algunhas das que se nos fagan poderán ser atendidas e recollidas e outras non, mais está na nosa vontade procurar o acordo en todos os casos nos que sexa posible e o servizo aos cidadáns se vexa mellorado.
Declaracións do alcalde
O alcalde, Fernando Suárez, explicou que “reunión aberta e tranquila a que mantivemos onte cos traballadores do Concello, para explicarlles directamente cal é a situación do Concello, a situación na que nos movemos actualmente e qué é o que pretendemos. Fixémolo sen afán de paternalismo e con ánimo de que nós somos un Goberno que estaremos un tempo, e no que tempo que esteamos aquí o Concello debe dar exemplo en moitas cousas”.
O rexedor considera que “o Concello de Ribadeo é un Concello que da unha serie de servizos moi importantes, facémolo en moitos aspectos moi ben, pero hai moito que mellorar. Hai non moito tempo aos veciños de Ribadeo pedímoslles un esforzo adicional, subimos algúns impostos de xeito moderado, e agora pedísmolles ao noso persoal tamén un esforzo, é dicir o cumprimento íntegro do horario sen forzar a ninguén, sen obrigar a ninguén, sen ameazar a ninguén, queremos que o cobran a finais de mes sexa polo que realmente traballan. Queremos que traballen as 37,5 horas semanais, 1.647 horas ao ano, non pedimos nin unha hora máis, pero tampouco imos perdoar unha hora de menos. Queremos que algún servizo pode e debe traballar algunha tarde para cumprir coa xornada laboral, porque nos parece que se pode actuar mellor en materia de limpeza, de medio ambiente, se pode dar un mellor servizo público aos veciños”.
Suárez Barcia sinalou que “despois dos anos que levamos traballando aquí por Ribadeo con acertos e con erros vemos que algúns postos de traballo están máis pensados para un Concello do ano 1979 que para un Concello do ano 2011 e sí que facemos algunha proposta de cambio de funcións para integrar algunhas máis, quizás non sexa só traballar en expedentes administrativos senon que tamén hai que coller o teléfono, quizás non sexa só cambiar un tipo de material senon tamén outro… a todos os traballadores lles poñemos unha coletilla que non é para fastidialos, senón que ademáis das súas funcións deberán facer aquelas outros do seu cargo e categoría”. E engadiu que “ás veces nos temos atopado con xente á que se lle manda facer algo e di que non é da súa competencia. E nós non queremos agraviar a ninguén e que ninguén se sinta menospreciado nin presionado, pero sí que é o momento para dar exemplo á sociedade nun momento no que a función pública está a ser moi cuestionada, parece ser que os responsables da crise son os funcionarios e eu penso que non é así, pero si digo que non é así temos que dar exemplo para que se vexa que gañan o seu salario polo que traballan e que o que fan o fan ben. Estou convencido de que a maioría o fan ben, pero queremos estandarizar isto para todos durante todo o tempo”.
O alcalde ribadense pensa que “a maioría creo que o ven ben, outros igual non tan ben, pero cando un está para gobernar sabe que nunca vai ter unanimidades e que non todo vai ser aplaudido, pero nós, o actual Goberno Municipal, anunciámoslles que instalaremos ao longo dos vindeiros días unha serie máquinas de control horario con huella dixital, que levaremos adiante este cambio de funcións da RPT, e que tentaremos ser máis produtivos polo ben dos veciños e das veciñas deste concello.





















A mostra, aberta na sala de exposicións do Auditorio Municipal de luns a venres entre as 18:00 e as 22:00 horas, reúne preto de 30 obras de artistas emerxentes e consolidados, ofrecendo diversas miradas sobre a paisaxe, a identidade, a memoria e a realidade contemporánea. A alcaldesa, Marta Rouco, destacou o valor de que Vilalba forme parte desta programación compartida e o impacto positivo que supón para a actividade cultural local.
No acto impuxéronlles o birrete e entregáronlles diploma e orla. Despois cantaron unha canción para as familias asistentes. Houbo moitos aplausos e algunhas lágrimas de emoción.
A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, destacou o carácter participativo da iniciativa, organizada xunto á Xunta e co apoio do Concello. O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, puxo en valor o traballo colectivo e a implicación das novas xeracións. O concerto estivo dirixido por Maximino Zumalave, coa formación Hércules Brass e Rosa Aneiros como mantedora. Ademais, anunciouse que a próxima edición estará dedicada a Xosé Neira Vilas.
Trátase dun programa de actividades para a infancia e a mocidade que se desenvolverá en xullo e agosto con propostas educativas, deportivas e culturais pensadas para facilitar a conciliación familiar. A oferta inclúe ludoteca, talleres creativos e tecnolóxicos, deporte, contacontos e eventos comunitarios como o Mercado Infantil Solidario ou o Carnaval de Verano. As inscricións realizaranse do 1 ao 15 de xuño no Concello, con prioridade para menores empadroados. O programa reforza o compromiso municipal co apoio ás familias e cun verán activo e accesible para a mocidade do concello.
A saída será ás 10:00 desde El Bao, con autobuses ás 9:00 desde Navia, e a chegada arredor das 16:30 seguida dunha festa na dársena. As inscricións estarán abertas do 31 de maio ao 12 de xuño na Casa do Deporte ou en liña por 7 €. O Concello anima a participar nesta cita que combina natureza, deporte e convivencia.
A festa incorporou unha mesa doce decorada con temática de faros e unha sesión de coctelería dedicada á elaboración de vermús. As persoas asistentes recibiron ademais un detalle conmemorativo: unha botella de aceite de oliva virxe extra de Oleonavas, en homenaxe ás raíces familiares do propietario. O evento incluíu numerosos sorteos grazas á colaboración de diferentes empresas, con premios como comidas en O Noso Lar, na Bodega de Ana ou no Restaurante Nito, ademais de licores, paletillas e circuítos termais. Para esta ocasión preparouse tamén unha carta especial con táboas de carne e instalouse un mural conmemorativo no local. O establecemento agradeceu a fidelidade da clientela e o apoio da veciñanza ao longo desta década, fundamentais para acadar este aniversario tan significativo.
Tras máis de vinte anos dedicada ao debuxo científico, expón desde 2013 e a súa pintura, definida pola crítica como expresiva, colorista e próxima ao surrealismo, chegou xa a numerosos países europeos e americanos. 



