FRUGA reclama á Xunta que deixe de afondar na crise do sector lácteo galego
07-08-12
A FEDERACIÓN RURAL GALEGA-FRUGA RECLAMA Á XUNTA DE GALIZA QUE
DEIXE DE AFONDAR COAS SÚA POLÍTICAS NA CRISE DO SECTOR LÁCTEO
GALEGO
A Federación Rural Galaga-FRUGA solicitou unha entrevista coa conselleira do Medio Rural e do
Mar para buscar solucións á crise do sector
Lugo, 7 de agosto de 2012. O sector lácteo galego esmorece nunha crise que ameaza con
deixar, non só ao rural, senón ao conxunto da sociedade galega sen un dos seus motores
económicos. O prezo do leite que receben os produtores continúa a caer en picado namentres os
custos de produción continúan a subir nun ascenso que parece non ter fin.
O seguimento de dous dos principais indicadores no vacún de leite no último ano demostran que a
rentabilidade das explotacións leiteiras continúa a baixar. Desde a FRUGA estimamos que, de
media, unha explotación que cobraba o litro de leite en agosto de 2011 a 30 céntimos, agora, en
agosto de 2012 recibe un prezo de 27 céntimo por litro. Namentres, se fai un ano o quilo de penso
estaba a 33 céntimos, agora atópase a uns 39 céntimos por quilo. É dicir, as explotacións de leite
están recibindo polo leite no último ano un 10% menos e o penso encareceuse nun 18 % de
media.
Ante esta situación o Goberno Galego fica de brazos cruzados e iso perxudica directamente ás
nosas explotacións leiteiras. A case paralización de medidas que estaban a funcionar tales como o
o Banco de Terras, deseñado este para aumentar a base territorial das explotacións, a recente
aprobación da nova Lei de Montes que permite de novo a forestación de terras agrarias e os
atrancos que desde a Xunta se puxeron ao Contrato de Explotación Sustentable (CES), que
orientaban o modelo produtivo cara sistemas menos dependentes de alimentos externos ás
explotacións fai que as explotacións de leite teñan máis dificultades para resistir a difícil situación
na que se atopan.
A Xunta de Galiza continúa sen interesarse na creación dunha interprofesional láctea galega, a
mesa do leite, os contratos homologados e o observatorio do sector lácteo xa non contan coa
importancia que tiñan na Xunta do bipartito e isto nótase. Agora a situación mudou, o prezo do
leite galego xa non é superior á media do estado tal e como era antes, agora está por baixo, e iso
é consecuencia deste cambio de dirección.
Outra consecuencia da política do Partido Popular é a crise que está vivindo o sector cooperativo
agrario galego. Este atópase nunha situación de grave crise, chegando a darse situacións nas
que os produtores están tendo problemas para cobrar o seu leite debido a que algunhas das
cooperativas integradas en Alimentos Lácteos, non teñen capacidade para facerse cargo dos
pagamentos. Por outra parte a situación é límite noutros casos, xa que hai outras cooperativas
que se atopan practicamente en quebra.
Por todo isto desde a Federación Rural Galega-FRUGA, rexistramos unha solicitude de entrevista
coa conselleira do Medio Rural e do Mar co fin de buscar solucións a esta crise do sector lácteo
galego que pode acabar sendo unha lousa tanto económica como social na Galiza
















Máis de cen persoas acudiron ao acto de presentación da exposición "Os ollos dasp alabras" co que a Librería Bahía celebrou o seu 50 aniversario. A poesía de Baldo Ramos, a música de Mano Panforreteiro e as esculturas de Caxigueiro encheron a noite de arte e de palabra. A exposición permanecerá aberta no CENIMA de Foz ata o 7 de xuño.
A Asociación Veciñal e Cultural “Irmandade San Caetano” de Celeiro de Mariñaos, organiza para o vindeiro sábado 25 de maio a Festa das Letras, tal como se vén facendo nesta parroquia barreirense na última década. Os actos terán lugar nas escolas a partir das 7 da tarde, que será cando se realicen as actividades dirixidas ao público infantil, consistentes en xogos populares e de animación así como outras actividades relacionadas coa cultura e coa lingua galegas. Todos os participantes recibirán os correspondentes agasallos. Ás nove e media da noite terá lugar a representación de “Véndese unha mula e A Pousada”, a cargo do grupo de teatro Axóuxeres de Vilaronte.