O Burela FS Pescados Rubén formalizou co meta Eduardo Saavedra Cebreiro para a próxima tempada
02-08-12O BURELA FS REENCÓNTRASE CO META EDU NO CAMIÑO Á ELITE
O Burela FS Pescados Rubén reencontrarase co meta Eduardo Saavedra Cebreiro, Edu, a vindeira tempada no camiño á elite. O naronés, de 33 anos, formalizou esta mesma tarde o acordo que o vinculará á entidade laranxa en 2012-13, xunto ao vicepresidente, Manuel Blanco.
Despois dunha tempada co Oxipharma Granada, co que se proclamou campión da Segunda División, Edu volta á que “sempre considerei a miña casa”, un destino polo que sempre sentiu debilidade: “Despois dun excelente ano deportivo, chego con máis ilusión e para ofrecer todo o mellor de min” dixo o porteiro, amosando tamén optimismo cara á estrea laranxa en Primeira. “Estase perfilando un equipo moi compesando, coas posicións ben cubertas. Coñecendo o corpo técnico e a moitos dos xogadores, estou seguro de que este equipo traballará e se expoñerá ao máximo para cumprir os obxectivos” aseverou Edu,
“Espero que este sexa tan só o principio. A Primeira División era o que todos anhelabamos dende hai anos; Vista Alegre será un cheo absoluto” concluíu o burelista.
Pola súa banda, Manuel Blanco aplaudiu o regreso de Edu como “unha garantía para darlle continuidade ao esperanzador proxecto do Burela FS. A súa experiencia e regularidade serán unha baza de referencia neste novo ciclo”.
Ex-xogador do Parrulo (1998-2003), Muebles Caloto (2003-04), Barcel Euro (2004-06) e Celta de Vigo (2006-07), o ferrolán conta cunha ampla traxectoria en Primeira. Na súa primeira etapa en Burela, entre 2008 e 2011, Edu converteuse nun dos principais bastións do cadro mariñán, cunha das porterías máis sólidas de Segunda e como un dos burelistas máis queridos pola afección, coa que sempre mantivo unha perfecta simbiose.
O gardameta naronés compartirá responsabilidades baixo os paus co viveirense Iago Barro, que xa realizou un brillante labor defendendo a escuadra laranxa en 2011-12.
Brais García. Entre os intereses para 2012-13, o CD Burela FS tamén estableceu negociacións para renovación do canteirán Brais García (Burela, 1990), unha negociacións que non chegaron a frutificar. O meta, incorporado ao equipo de Segunda dende 2009-10, declinou a proposta da entidade laranxa. O club mariñán deséxalle sorte na súa traxectoria e un futuro prometedor nos novos proxectos.
















Máis de cen persoas acudiron ao acto de presentación da exposición "Os ollos dasp alabras" co que a Librería Bahía celebrou o seu 50 aniversario. A poesía de Baldo Ramos, a música de Mano Panforreteiro e as esculturas de Caxigueiro encheron a noite de arte e de palabra. A exposición permanecerá aberta no CENIMA de Foz ata o 7 de xuño.
A Asociación Veciñal e Cultural “Irmandade San Caetano” de Celeiro de Mariñaos, organiza para o vindeiro sábado 25 de maio a Festa das Letras, tal como se vén facendo nesta parroquia barreirense na última década. Os actos terán lugar nas escolas a partir das 7 da tarde, que será cando se realicen as actividades dirixidas ao público infantil, consistentes en xogos populares e de animación así como outras actividades relacionadas coa cultura e coa lingua galegas. Todos os participantes recibirán os correspondentes agasallos. Ás nove e media da noite terá lugar a representación de “Véndese unha mula e A Pousada”, a cargo do grupo de teatro Axóuxeres de Vilaronte.