As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas antes de finais do mes de maio, logo disporán dun prazo de execución de seis meses para elaborar o proxecto definitivo.
Santiago, 18 de abril de 2013.- O secretario da Mesa do Parlamento e deputado do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro Orol valorou hoxe a publicación polo Diario Oficial de Galicia (DOG) da redacción do Plan Director do Hospital da Costa.
O SERGAS financia esta actuación destinando un orzamento de 143.392 euros á execución deste documento técnico para o que as empresas interesadas xa poden presentar as súas ofertas e facelo antes de finais do mes próximo (maio). Logo da adxudicación disporán dun prazo de execución de seis meses para elaborar o proxecto definitivo.
“É unha magnífica noticia que ven a dar cumprimento ao compromiso adquirido polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo cos veciños da Mariña e supón un impulso decisivo ao ambicioso proxecto destinado a ampliar o centro hospitalario sito en Burela”-dixo Balseiro.
O parlamentario mariñán entende que o que os veciños da Mariña esperan ver pronto son as obras, e subliñou que para elo son indispensables os pasos que se están dando. Sinala ademais a celeridade sen precedentes de toda a tramitación administrativa que permitirá facer realidade o que sen dúbida é o proxecto máis importante dos últimos anos na comarca e que servirá para dispoñer dun hospital máis amplo, máis moderno, con máis garantías e mellores servizos.