Todos os concellos da provincia solicitaron xa a subvención para continuar prestando o Servizo de Axuda no Fogar
Antonio Veiga acusa ao Goberno galego de “abandonar á súa sorte aos concellos de menos de 20.000 habitantes”
Desde Vicepresidencia espérase que “o novo paquete de axuste que prepara o Goberno do Estado non afecte ás pensións, en canto suporía decretar situación de pobreza para centos de maiores da provincia”
A Mariña, 24 de abril de 2013. A Área de Benestar Social da Deputación de Lugo investirá 650.000 euros no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) básico ao longo de 2013, o que supón un aumento de máis do 28 por cento con respecto a 2011. Durante o último ano, un total de de 1.041 mariñáns beneficiáronse deste servizo financiado pola Deputación Provincial e os concellos, e está previsto que durante este ano se incremente o número de usuarios e usuarias en canto todos os concellos da comarca da Mariña presentaron xa a solicitude para optar ás axudas que concede a institución provincial.
Segundo explicou o vicepresidente da Deputación e delegado de Benestar Social e Deporte, Antonio Veiga, “esta nova convocatoria da liña de axudas para o Servizo de Axuda no Fogar básico responde á estratexia de goberno do ente provincial centrada na aprobación e posta en marcha de políticas dirixidas a garantir o benestar dos lucenses que viven no rural e tratar de que a prestación dos servizos sociais sexa un nicho de creación de postos de traballo. As actuacións que promovemos son diametralmente opostas ás da Xunta de Galiza e o Goberno do Estado, cuxas políticas van dirixidas a privatizar servizos fundamentais como a educación, a sanidade e os servizos sociais”.
Neste senso, Veiga acusa á Xunta de abandonar á súa sorte aos concellos de menos de 20.000 habitantes e, polo tanto, a centos de lucenses do rural. “Por criterios arbitrarios o Executivo galego optou por deixar de financiar o SAF básico obrigando as demais institucións a facerse cargo do servizo para evitar que o custe do mesmo recaia sobre os usuarios e usuarias, xa afogadas polo recortes do Partido Popular, o establecemento de copagos e repagos e a suba de impostos”.
“Están claras –continúa o vicepresidente– cales son as metas dos populares e as metas dos nacionalistas; mentres os populares son incapaces de rectificar as súas políticas e prefiren seguir creando desemprego, desigualdade e fomentando a exclusión social, desde o BNG alí onde temos responsabilidades de xestión buscamos todo o contrario. Igual que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo está a facer un esforzo económico para manter as políticas sociais, tamén o podería facer o Partido Popular e non o fai porque entre as súas prioridades non está o benestar dos lucenses.”
Desde a Área de Benestar Social amósase preocupación polas previsións de empeoramento da economía que, xunto co paquete de medidas de axuste que prepara o Goberno do Estado e que dará a coñecer o vindeiro venres, suporán un deterioro dos servizos sociais incrementando, aínda máis a situación de pobreza que sofren xa centos de lucenses. Antonio Veiga espera que “as novas medidas de contención do déficit non afecten ás pensións porque sería decretar o estado de pobreza para os maiores da provincia, que perciben as prestacións máis baixas do Estado.”
USUARIOS/USUARIAS DO SAF BÁSICO NA MARIÑA EN 2012
MUNICIPIOS | USUARIOS/AS |
Alfoz | 43 |
Barreiros | 36 |
Burela | 120 |
Cervo | 40 |
Foz | 50 |
Lourenzá | 40 |
Mondoñedo | 55 |
Muras | 24 |
O Vicedo | 44 |
Ourol | 30 |
Ribadeo | 77 |
Riotorto | 32 |
Trabada | 22 |
O Valadouro | 46 |
Viveiro | 150 |
Xove | 232 |
A Pontenova | 0 |
Total | 1.041 |