Eduardo Saavedra continuará un ano máis como baluarte da portería do CD Burela FS Pescados Rubén. No peche do acordo estiveron xunto a Edu o presidente do club, Manuel Blanco, e o directivo Marcelino Luna, que aplaudiron a renovación do naronés como “unha garantía para que o equipo poida seguir medrando na máxima categoría”.
“Pode ser unha tempada marabillosa para o Burela FS” aseguraba o experimentado co-capitán, de 34 anos, baseándose na conxunción do proxecto entre a conservación dun bloque sólido e a chegada de reforzos necesarios: “Mantemos a columna vertebral do equipo, temos unha base firme e as incorporacións, con xogadores novos e de percorrido na categoría, axudarannos a dar ese salto de calidade que perseguimos para consolidarnos en Primeira” xustificaba o meta laranxa, moi motivado para a nova competición. “Traballarei por ser o máis regular posible e axudar o equipo. O ano pasado conseguín recuperarme ben da intervención de menisco e puiden pechar un bo exercicio; intentarei comezar a tempada coas esixencias e eficacia que rematei a pasada” dixo Edu, que compartirá responsabilidades baixo os paus co novísimo Álex, procedente do Santiago Futsal.
O porteiro, que comezará o seu quinto exercicio como laranxa, o segundo na última etapa, identifica a “fortaleza na casa” como a clave para pelexar por todo e atribúelle moita da responsabilidade a súa querida afección laranxa: “O apoio de Vista Alegre foi fundamental o ano pasado para superar todo tipo de adversidades e volverá selo en 2013-14; coa ilusión que irradia este novo proxecto, con incorporacións de calidade contrastada, a bancada responderá coma sempre ou incluso mellor”.