Fernando Suárez Barcia, alcalde de Ribadeo, emitiu este mércores un bando no que fai saber aos veciños e veciñas que “estamos a piques de celebrar un ano máis o 25 de xullo, o Día da Patria Galega, data na que nos recoñecemos todos e todas como pobo, coa nosa identidade e historia, coa nosa língua, baixo a nosa bandeira. Son símbolos que
nos dan forza colectiva e que hoxe deben ser tamén o alicerce da resistencia cívica ao desmantelamento de todo o sistema de estado do benestar. Un Día da Patria hoxe presidido pola preocupación cidadá pola situación económica do país.
Por vez primeira na historia democrática estamos no risco de deixar a unha nova xeración nun marco económico, laboral e social peor de como nolo deixaron as xeracións anteriores, baixo a excusa da crise existente. “Crise”. Palabra que define eufemisticamente a estafa profunda protagonizada polos mercados, banca e sectores financeiros que se invocan para desfacer un sistema de conquistas sociais e de loitas seculares por dereitos que hoxe vemos a piques de desaparecer baixo unha tesoira inmisericorde que carga sobre asalariados, traballadores autónomos, funcionariado, desempregados/as, dependentes, pensionistas, servizos públicos, mulleres, maiores,
crianzas… Todos e todas pagan, agás quen orixinaron a crise.
En segundo lugar, non so se pretende desmantelar a sociedade do benestar, senón que tamén vemos como se albiscan recortes de competencias da Xunta de Galicia e dos concellos para, reforzando o papel das Deputacións Provinciais, enfatizar e recentralizar así un estado centralista, de concepción radial e unitaria, nun retorno
ao pasado máis caduco, escuro, centralista e caciquil. Non se actúa sobre as causas que provocan a asfixia no financiamento dos concellos, nin tampouco se garanten os fondos para atender as crecentes necesidades básicas que as veciñas e os veciños
demandan, pois somos a administración máis cercana á xente. Aproveitase a crise para querer reconducir pola porta de atrás o estado descentralizado das comunidades autónomas e dos municipios.
Non se recuperan os impostos de patrimonio para os que máis teñen, nembargantes súbense impostos directos e indirectos a eíto para as clases traballadoras.
Reclámaselles con nocturnidade e aleivosía aos vellos emigrantes de Europa e América por non declarar unhas pensións que nun principio non era obrigatorio facelo. Agora, tras cambiaren de criterio cun exclusivo afán recaudatorio, os nosos emigrantes son tratados e perseguidos como evasores. Pola contra, amnistíanse fiscalmente aos Bárcenas e compañía que roubaron a mancheas e cuxa fortuna non provén do traballo senón do roubo, da especulación e do suborno.
Mirouse cara a outro lado mentres que algunhas persoas levaban á creba as nosas caixas de aforros e mentres que milleiros de familias eran engañadas, cando non roubadas literalmente, e agora envíanse notificacións de sancións administrativas (multas puras e duras) a aqueles que se atreveron a reclamar na rúa o que lies roubaron.
Por iso, debemos tamén desde os Concellos, ser altofalantes de denuncia destas falcatruadas; e tamén queremos, desde abaixo construir país. Porque poñemos en práctica na medida das nosas posibilidades aquilo polo que loitamos e eremos. Por iso lle damos moita importancia ao gasto social, máis aló da falla de atención
manifesta do Estado e da Xunta.
Porque cremos nunha vila e nun concello urbanísticamente ordenado,
traballamos e dialogamos coas mans abertas, con luz e taquígrafos e case que podemos dicir hoxe que o PXOM é xa unha realidade.
Porque cremos nun dos desexos máis importantes da cidadanía, e que botou hai pouco máis de un ano a máis de un milleiro de vecinos e vecinas á rúa en manifestación a prol dunha nova residencia de maiores en Ribadeo e estamos a dar pasos definitivos con todas as administracións, pero liderando nos desde o Concello, para tentar converter moi axiña un desexo en realidade.
En definitiva, porque vemos o mundo dun determinado xeito e porque o
queremos por en práctica e demostrar que as políticas da dignidade tamén se demostran andando.
Queremos veciños e veciñas que neste vindeiro Día da Patria que as bandeiras galegas que se penduren nos balcóns de Ribadeo sexan a expresión desa reivindicación dun futuro mellor para a nosa térra e de defensa dun benestar que custou moito erguer para que hoxe, desde a lonxanía e comodidade dos salóns da banca, das bolsas e dos mercados non nolo rouben”.