A VIII edición da Manifesta da Patria Galega desenvolveuse na xornada do domingo en Barreiros, na Fraga do Santo Estevo do Ermo. Durante todo o día, as persoas asistentes disfrutaron do xantar popular, cuxo prato central foi o bonito; da música tradicional e de boa compaña.
Antes de comezar o xantar, tiveron lugar as intervencións políticas de Belén Fernández, responsábel local do BNG; Ana Ermida, portavoz nacionalista en Barreiros e do deputado no Parlamento de Galiza por Lugo, Cosme Pombo.
Para os nacionalistas “o 25 de xullo é unha data fundamental no calendario das galegas e dos galegos e, este ano máis ca nunca, debe servir para amosar o rexeitamento das políticas que nos impoñen e arruínan ao noso País e á xente.”
O BNG animou aos barreirenses a “acudir á manifestación do vindeiro 25 de xullo en Compostela, para o que haberá autobuses desde A Mariña, e tamén a pendurar nas súas fiestras e balcóns a bandeira da Patria Galega como un símbolo de rebelión, de orgullo de galegos dispostos a loitar porque as mulleres e homes deste País poidan vivir dignamente, do seu traballo na nosa terra”, manifestaron os nacionalistas.
Cosme Pombo acompañou ás veciñas e veciños durante toda a xornada e dirixiuse a eles para recordarlles como “historicamente os inimigos da Galiza sempre quixeron vela decapitada, sen cabeza que puidera defendela dos continuos ataques e aldraxes aos que a someten.” Apoiou esta afirmación coa referencia ao Alba de Groria de Castelao, onde falaba de símbolos coma Prisciliano ou o Mariscal Pardo de Cela decapitados. O deputado nacionalista afirmou que “as galegas e galegos poden ter a seguridade de que non lograrán decapitar a Galiza, por moito que o intenten, mentres haxa mulleres e homes dispostas a loitar pola súa liberación man a man co Bloque Nacionalista Galego. Por iso o vindeiro 25 de xullo será unha xornada de loita pola liberdade, pola xustiza e polo dereito a ser galegas e galegos e exercer como tal sen complexos.”