Burela, 25 de xullo de 2013. A concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán, amósase satisfeita tras coñecer que a Xunta lle acaba de conceder ao Concello de Burela máis de 14.500 euros para o seu ‘Programa de prevención do absentismo escolar’.
Segundo subliña a edil popular “trátase do 80% do custe total do proxecto que se sitúa nos 18.000 euros, pero é a totalidade do que solicitamos, é dicir concedéronnos o 100% da subvención pedida para este fin”.
A subvención vai destinada a: orientación e asesoramento aos rapaces (4.520 euros); participación no protocolo de absentismo (260 euros); obradoiro de técnicas de estudio (753 euros); obradoiro de pais e nais (350 euros); orientación e asesoramento ás familias (6.781 euros) e coordinación entre os axentes sociais (1.970 euros).
Diana Durán dixo que “estamos moi contentos de poder contar con esta subvención para levar adiante durante todo o ano o noso Programa de prevención do absentismo escolar. Hai algunha actividade que realizamos durante o verán, pero a maioría desenrólanse durante todo o curso”.
O pasado 8 de xullo daba comezo a Escola de Pais e Nais, “un taller no que se tratan temas como as funcións parenterais, a prevención do fracaso escolar e o abandono prematuro da escola, as causas e consecuencias do absentismo escolar, estratexias de motivación para o estudio, etcétera”, dixo a concelleira de Servizos Sociais. Esta escola que se estivo a celebrar os luns de xullo de 12 a 14 horas na Casa do Concello, seguirá o vindeiro 29 de xullo e tamén o 5 de agosto.
Durán lembrou que “en setembro, o protagonista será un obradoiro de técnicas de estudo, aprendizaxe e motivación dirixido sobre todo a rapazas e rapaces estudantes de ESO e PCPI ou que estean preparando algunha proba para a obtención do título en ESO, probas de acceso ou exames de recuperación. Realizarase do 2 ao 6 de setembro en horario de 12 a 14 horas na Casa do Concello”.
Os mozos, mozas e pais que precisen máis información poderán chamar ás Oficinas de Información do Concello ao teléfono 982 58 60 00 e preguntar por Noelia Legaspi, a educadora familiar.