CERVO, 28 DE AGOSTO. Os socialistas de Cervo manifestan a súa satisfacción tras ter conseguido que a Maruxaina reciba por parte da Xunta de Galicia a subvención que lle corresponde exactamente igual có resto das Festas de Interese Turístico do concello, “grazas a que o GMS puxo de manifesto esta situación parece ser que solucionarán o asunto, algo do que nos alegramos infinitamente, obxectivo cumplido”.
Os membros do PSOE de Cervo lembran que a mesma delegada da Xunta en Lugo como concelleiros do PP “afirmaron que este tipo de axudas non son de concorrencia competitiva, eles deciden a quen se outorgan e a quen non. De feito, existe unha proposta de inadmisión que non a firma nin Lara Méndez nin o Grupo Municipal Socialista de Cervo, está asinada por un cargo da Xunta como é o director de competitividade, o señor José Luis Maestro Castiñeiras”.
Subliñan que no propio escrito rexistrado con data 21 de xuño de 2013 e número de entrada 2582 “podemos ler: contra esta proposta de inadmisión poderá formular as alegacións ou achegar a documentación que estime pertinentes no prazo de 10 días hábiles contados a partir do día seguinte á recepción desta notificación. Transcorrido o dito prazo sen que se efectúen as alegacións, resolverase o expediente de inadmisión nos mesmos termos contidos nesta proposta de inadmisión”.
Neste senso, ós socialistas gustaríalles coñecer cal será a maneira de subsanar o problema xa que “tendo en conta este parágrafo do escrito e a data de entrada no rexistro, é evidente que o prazo dos dez días está máis que finalizado e alomenos no rexistro de saída non figura ninguna alegación por parte do Concello. A non ser que teñan outras vías para facer a subsanación que non sexan os cauces oficiais”.
De todas formas, dende o GMS, “sentímonos contentos e orgullosos que despois de desvelar este erro ou circunstancia, a Xunta de Galicia, única administración con competencias no asunto, dé un xiro de 180 grados para que as tres Festas de Interese Turístico de Cervo reciban por igual a subvención que lles correponde para a súa conservación e fomento”.