Lugo, 29 de agosto de 2013. Esta tarde preséntase no campo de fútbol das Valgas, en San Miguel, o 1º torneo de fútbol base “Vila de San Miguel”, que organiza o Iberia CF. e no que participarán 3 equipos da mariña e un asturiano baixo un formato de emparellamentos directos. Na presentación participan o vicepresidente da Deputación e responsábel da Área de Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, xunto ao presidente do Iberia CF, Jesús Otero, e Juan Rodríguez, tesoureiro do Iberia e presidente da Asociación de Veciños de San Miguel, e David Díaz, responsable das categorías inferiores do Iberia CF.
Este torneo que hoxe se presenta disputarase desde as 4 da tarde do sábado 31 de agosto no campo de fútbol das Valgas de San Miguel de Reinante. Os enfrontamentos entre os equipos cadetes dividiranse en dúas semifinais: CD. Foz contra SD. Burela e Astur Vegadense contra Iberia CF. Os gañadores disputarán a final e os vencidos loitarán polo 3º e 4º posto do torneo. Este é o primeiro ano que o Iberia organiza un torneo deste tipo e tamén coincide coa primeira vez, durante a tempada pasada, que o Iberia conta con categorías inferiores, co que o club deu un importante paso para comezar a traballar co fútbol de base.
A Área de Deporte da Deputación de Lugo colabora co Iberia CF., ademais de nos gastos ao longo da tempada a través das axudas en concorrencia competitiva ás que optan todos os clubs da provincia, na organización deste torneo de fútbol base, xa que unha das premisas da Área de Deporte da Deputación é, precisamente, o impulso ao deporte desde as categorías inferiores, favorecendo que todas as persoas desde as idades máis curtas poidan achegarse á práctica deportiva e a un estilo de vida saudable.
Ademais, a Área de Deporte aportou unha importante suma económica para mellorar as instalacións do campo de fútbol “As Valgas” de San Miguel, que presentaban un estado moi deficiente. En concreto a Deputación achegou 50.000 euros para reformar a tribuna e os vestiarios xa que o estado das instalacións anteriores podían incluso supoñer un perigo para a integridade dos espectadores e deportistas.