Lugo, 29 de agosto de 2013. Este vindeiro sábado, 31 de agosto, terá lugar no adro da igrexa das Rodrigas, en Riotorto, a representación teatral “Auto do Entroido”, unha peza do actor e dramaturgo mariñao Manuel Lourenzo. A representación será a cargo do grupo de actores e actrices afeccionados que seguiron o curso de posta en escena que impartiu en Riotorto os sábados 3, 10, 17, 24 e 31 a actriz Rosalía Quelle Castro e que tamén é a encargada de dirixir e adaptar a peza teatral.
Dentro das accións formativas de Buxiganga, dirixidas a actores e actrices afeccionados, ademais deste curso que culmina o sábado en Riotorto, tamén se impartirán outros dous cursos máis: o Cine Teatro de Ribadeo acollerá un curso de Clown, impartido por Marián Bañobre, do 16 ao 21 de setembro, de 20:30 a 23:30 horas, agás o sábado 21, que se desenvolverá en horario de mañá de 9.00 a 14.00 horas; e a Casa da Xuventude de Mondoñedo acollerá as Prácticas de cine, da man de Óliver Laxe, os días 8 e 9 de novembro, de 17.00 a 22.00 horas, e o 10 de novembro durante todo o día.
Inscrición para o curso de Clown
Desde a Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo quérese informar de que aínda existen prazas para o curso de Clown que Marían Bañobre impartirá en Ribadeo, ao cal se poden apuntar todas persoas que o desexen. Ten unha duración de 20 horas e un custe de 20 euros, cun prezo reducido de 10 euros para aquelas persoas que estean dentro dun grupo de teatro que participe no proxecto Buxiganga. A folla de inscrición está dispoñíbel tanto na web da Vicepresidencia como na de Buxiganga (http://buxiganga.lugomove.org) no apartado de “Formación”., podendo contactar con nós no 982260141 para que vola envíen por enderezo electrónico ou ben pasando a recollela presencialmente na Área de Cultura da Deputación no Pazo de San Marcos de Lugo.