Mondoñedo, 18 de setembro de 2013- O Partido Popular de Mondoñedo quere agradecer a boa predisposición da Xunta de Galicia co municipio, ao que lle concede unha subvención de entorno a 3.500 euros, para a organización da Feira das San Lucas, de importante repercusión económica para a localidade.
Os populares explican que esta non é a única axuda económica que a administración que preside Alberto Núñez Feijóo concedeu ao concello de Mondoñedo durante este verán, así lembran a subvención aprobada pola Xunta de Galicia para a contratación dunha persoa para a oficina de información turística, durante os meses de xullo, agosto e setembro.
Dende o PP local criticaron que pese a ter os fondos económicos, o goberno local non fose quen de aproveitar esta subvención e non contratase á persoa ata o mes de setembro froito dun actitude “carente de vontade e desinteresada”.
En relación ás declaracións vertidas en prensa polo tenente de alcalde, Xusto Fernández Haro, os populares consideran que o político nacionalista “probablemente non sexa a persoa máis adecuada para dar explicacións sobre esta situación, ao coincidirlle co seu período de vacacións”, un dereito que ten e defenden pero que “o puido levar a non estar ben informado sobre este feito”, matizan dende o PP.
Os populares explican que as declaracións de Fernández Haro non se sustentan e comparan esta situación coa da prórroga do contrato dunha persoa para realizar a contabilidade local. Dende o PP lembran que naquel caso dende o goberno local levaron a cabo esta contratación antes de ter un convenio en firme coa administración que financiaría este posto, incumprindo o Plan de Axuste Municipal no que se permiten soamente novas contratacións financiadas nun 100% por outras administracións.