19 de Marzo de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Pomba do Arco pon en marcha unha proxecto lúdico cultural co que convida a “Descubrir Galiza”

11-10-13

A Asociación Cultural A Pomba do Arco vai por en marcha un ambicioso proxecto lúdico cultural co título “Descubre Galiza. Viaxa con nos pola historia, a cultura e a xeografía do país” e que pretende dar a coñecer Galiza desde diferentes esferas ao conxunto dos veciños da Mariña e moi particularmente aos veciños de Foz.

“Tal como recollemos no nome do proxecto o que se pretende é descubrir Galiza ao conxunto da sociedade, Galiza como realidade histórica, como colectividade capaz de crear unha cultura propia e tamén unha realidade xeográfica que descoñecemos. A esa aventura apaixonante queremos convidar a todas as persoas interesadas na historia de Galiza e en descubrir a nosa xeografía. Para participar nesta actividade é preciso chamar ao número de telefono 606-630-113. O prazo de inscrición remata o 28 de Outubro” afirmou Fernández Pacios.

Esta actividade que propón a Pomba do Arco vai se articular da seguinte maneira: Unha charla sobre un período histórico en concreto, lectura de textos relativos á época explicada e unha posterior excursión a un lugar vinculado co tema explicado. Dividimos a actividade en cinco períodos: Idade Antiga, a Alta Idade Media, a Baixa Idade Media, a Idade Moderna e a Idade Contemporánea.

Abordaremos temas coma o Castrexo, a Romanización, o Reino, o Priscilianismo, os Suevos, os Irmandiños, Pardo de Cela, os Séculos Escuros, a Colonización, os Provincialistas, Rosalía de Castro, Curros Henríquez ou Manuel María, non esquecendo períodos artísticos coma o Románicos ou Barroco.

Convén explicar que estamos ante unha actividade con carácter divulgador, sen chegar a afondar no tema, que pretende dar a coñecer a nosa historia, xeografía, arte e literatura e ao mesmo tempo visitar os lugares que tiveron un significado especial na historia de Galiza.

Fernández Pacios indicou que “ a actividade dará comezo no mes de Novembro, por iso damos de prazo o mes de outubro para apuntarse. Comezaremos pola Idade Antiga, componse a actividade dunha charla impartida polo profesor Marcos Loureiro, encargado de impartir o curso, continuará coa lectura das páxinas do libro de Anselmo López Carreira que toca este período e rematará cunha excursión ata o Castro de Vilalonga, ao recinto de culto Priscilianista de Santalla de Bóveda do século IV e á Casa Museo de Manuel María.

A segunda das sesións desenvolverase no mes de Xaneiro, nesta falarásenos do período Suevo, da figura de San Rosendo e das orixes do Reino de Galiza e posteriormente visitaremos a Igrexa sueva de Santa Comba de Bande (S VI), o Mosteiro de Celanova tan vinculado a San Rosendo, Bispo e rematará na Casa dos Poetas de Celanova, arredor de Curros e Celso Emilio. A idea e que canda unha das sesións se desenvolva cada dous meses”.

A Pomba do Arco acaba de abrir o prazo de inscrición para esta actividade recordando que as prazas son limitadas a 40 persoas e lembrando a todos os interesados en participar que se anoten no teléfono:606-630-113 antes do 28 de outubro.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive