22 de Maio de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A relación dos galegos e galegas co mar será debullado na VI Xornada de literatura de tradición oral

16-10-13

xornada-lit-oralLugo, 16 de outubro de 2013. Este martes, o delegado de Cultura e Turismo da Deputación, o nacionalista Mario Outeiro, xunto a Isidro Novo e Antonio Reigosa, da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), presentaron a VI Xornada de Literatura de Tradición Oral, que este ano xiran arredor das historias, mitos e monstros do mar de Galiza, e que terá lugar o día 9 de novembro na Deputación de Lugo desde as 10 da mañá até as 8 e media da noite.

Na súa intervención, Mario Outeiro sinalou que “estas xornadas cumpren cun cometido importantísimo, xa que son un elemento enormemente útil de cara a manter vivo o noso patrimonio cultural inmaterial: non en van, as actas das xornadas edítanse xunto con material audiovisual para poder ser empregadas con fins didácticos”. Mario Outeiro afirmou que “Galiza e os galegos e galegas temos no mar parte da nosa identidade. O Finisterrae tan mítico que todos temos en mente. O noso mar é a morada de sereas, de homes mariños, de cidades e barcos misteriosos, pero tamén é un camiño de ida de volta polo que transitaron e aínda transitan homes e mulleres de carne e óso. Emigrantes, mariñeiros, aventureiros, heroes engaiolados por ese horizonte que se esvaece canda o solpor”.

Tal e como explicaron os membros da directiva da AELGA e coordinadores destas xornadas xunto á AS-PG, este ano as Xornadas de Literatura de Tradición Oral condénsanse nun só día, o sábado 9 de novembro, para facilitar a asistencia do público que en moitos casos se tiña que desprazar a Lugo e, polo tanto, pernoctar. Nesta VI Xornada de Literatura de Tradición Oral, vaise pola memoria e polas historias do mar, baixo o reclamo do título Historias, mitos e monstros do mar de Galicia, e co patrocinio da área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, os investigadores e especialistas que convocamos van debullar diferentes aspectos históricos, literarios e culturais derivados da longa relación dos galegos e galegas co mar.

En canto ao contido desta xornada, Xosé Lois Vilar Pedreira, activista cultural, arqueólogo, historiador, e experto en talasónimos falará sobre “Aceite, madeira e boinas. A talasonimia dos naufraxios de mar dos galegos”, un percorrido pola etimoloxía dos diferentes, e moitas veces curiosos, nomes do mar galego.

Hixinio X. Puentes Novo, mestre, investigador e escritor falará de “Naufraxios literarios e reais”, un percorrido polo mundo do mar achegado aos desastres mariños preto do noso litoral.

Xurxo Souto, músico e, entre outras moitas cousas, escritor, levaranos baixo o título “O acordeón de Antuerpe. Xeografía xeral do mar de Galicia” pola querencia que tiñan algúns distinguidos membros da Xeración Nós (Castelao, Otero, Amado Carballo) polas cousas do mar, en concreto polo porto nortense de Antuerpen, un espazo máis da literatura galega da década de 1920.

A antropóloga, investigadora e profesora da Universidade de Navarra, Rosa García-Orellán, de ascendencia galega, guiaranos polos “Imaxinarios da flota bacallaeira nos grandes Bancos de Terranova”, ollando a estadía da nosa flota bacallaeira nos grandes bancos de Terranova, desde os seus comezos até a moratoria en 1992.

Dúas mesas redondas baixo o título “A memoria naufragada” e “Andar o mar. As pegadas do salitre”, coordinadas respectivamente por Antonio Reigosa e Isidro Novo, e nas que intervirán os relatores mencionados, darán oportunidade aos asistentes de intervir e participar nesta xornada, de cuxos resultados se dará conta oportunamente cando se publiquen as actas correspondentes.

O colofón a esta xornada vaino poñer o recital poético multimedia “Transfusión oceánica” a cargo de Xosé Iglesias, un rapaz que é patrón de pesca de altura, natural de Cee, e que tamén exerce de poeta e escribe, como un novo Manuel Antonio, literatura contemporánea do mar, feita pola xente do mar.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive