Barreiros, 22 de outubro de 2013. Comezaron as obras de mellora do casco urbano de San Cosme coa canalización dunha liña de media tensión, a substitución da traída da auga e do saneamento e a renovación da beirarrúa. A inversión ascende a 38.000 euros, procedentes dunha subvención da Xunta, segundo daba a coñecer hoxe o alcalde, Alfonso Fuente Parga.
O rexedor explicou que “no día de onte iniciábamos as obras aquí, en Barreiros, para canalizar unha liña de media tensión de forma que eses cables que están grampados polas casas e que aparte de supoñer un prexuízo para os donos desas vivendas tamén xeraban un impacto visual. Hai que ir mellorando o casco urbano de San Cosme”.
Fuente Parga dixo que “esas obras iniciáronse cunha subvención da Xunta de Galicia de 38.000 euros. Esta obra terá un prazo de execución dun mes e aproveitándoa tamén vamos substituír a traída de auga e un saneamento que ten moitos anos, que estaba en tubo de cemento e vaise cambiar por tubo de PVC. E a traída de auga, que a día de hoxe está incluso por debaixo das vivendas en zonas privadas, vaise pasar a unha canalización dunha sección de 125 por debaixo da beirarrúa, en zona pública”.
O alcalde barreirense subliñou que “o obxectivo é mellorar eses servizos neste tramo, que é unha primeira fase no casco de San Cosme. Ao mesmo tempo tamén se vai renovar o pavimento da beirarrúa”.