Ribadeo, 19 de decembro de 2013. Este sábado, 21 de decembro, ás 20:30 horas vaise inaugurar unha exposición do artista plástico barreirense Celso Dourado na tenda bar Amodiño, de Ribadeo, onde poderá visitarse durante todo o Nadal, ata despois de Reis. A mostra titúlase Verdegando, eloxio ao verde e no acto inaugural actuará o músico intérprete de sitar hindú Chus, coñecido artisticamente como Karma Darma Project.
Celso Dourado explicou que esta exposición xurdiu porque “pedíronmo os donos da tenda bar Amodiño e vámola inaugurar o sábado a partir das oito e media da noite. Nas miñas exposicións sempre procuro levar algún músico, porque creo que é o complemento perfecto. Neste caso é unha persoa moi querida por min, Chus, que é un virtuoso do sitar hindú, un home que vive illado na serra da Bobia, alá nos cumios dos Oscos e dedícase case en exclusiva á meditación e a tocar o sitar. Vainos dar un concerto que merece moito a pena porque realmente é un dos grandes virtuosos no estado español deste instrumento hindú”.
O artista barreirense engadiu que “a exposición titúlase Verdegando, eloxio ao verde. É unha serie que eu fixen ao longo do tempo, sobre todo nestes últimos anos, que combina un pouco o humano co vexetal. Está tratado dunha forma moi surreal e realmente é un resultado bastante apetitoso. Prima sobre todo a cor verde, xa que a idea ía por aí. Esta exposición creo que encaixa ben neste tipo de espazo, que, para as persoas que non o coñezan, hai que comentar que é un bar tenda onde se venden produtos ecolóxicos. A apertura da exposición estará condicionada ao horario do establecemento, que abre tanto pola mañá como pola tarde-noite”.
A tenda bar Amodiño está no casco vello de Ribadeo, concretamente no número 8 da rúa Amando Pérez.