A Plataforma Galega polo Aborto, da que o Observatorio da Mariña pola Igualdade forma parte, está en alerta feminista por se este venres 20 é aprobada a reforma do aborto por parte do Consello de Ministr@s. De ser así, o feminismo galego sairá ás rúas e realizaranse concentracións ás 19.00h en diversos concellos de Galiza.
Dende o Observatorio da Mariña pola Igualdade chámase a acudir – DE SER APROBADA A REFORMA – a ditas concentracións, que na Mariña de Lugo terán lugar ás 19.00h diante da Casa do Concello de Ribadeo, por un aborto libre e gratuíto. O resto de concentracións convocadas son en: Vigo (Marco), A Coruña (Obelisco), Ourense (Casa do Concello), Compostela (Sede do PP en Alfredo Brañas), Ferrol (Casa do Concello), Lugo (Subdelegación do Goberno), Pontevedra (Praza da Peregrina), Cangas (Casa do Concello).
Dende a Plataforma Galega polo Aborto sinálase que:
Estamos a vivir unha situación na que as mulleres vemos como os nosos dereitos sexuais e reprodutivos está a ser atacados, e no que non se nos deixa decidir sobre o noso corpo.
Hoxe a loita feminista cobra máis importancia, non só para combater as políticas de recortes da dereita, mais tamén na defensa das nosas liberdades, de ser nais ou de non o sermos, de ter dereito a un aborto libre, gratuíto e na sanidade pública.
O cambio lexislativo anunciado polo Ministro de Xustiza Alberto Ruíz Gallardón, en materia de Interrupción Voluntaria do Embarazo, devolveranos máis atrás de 1985 coa volta a un sistema de supostos. Desde a Plataforma Galega polo aborto esiximos:
· Non á contrarreforma da Lei de aborto que quere acometer o Goberno do PP.
· Dereito de todas as mulleres a decidir sobre a súa corpo, incluíndo ás mulleres novas e ás mulleres migrantes. Porque a liberdade de ser nai pasa pola liberdade de non o ser.
· A interrupción Voluntaria do Embarazo (IVE) fóra do Código Penal
· A garantía dun aborto libre e gratuíto na rede sanitaria pública
· A regulación da obxección de conciencia.
Por todo isto faise un chamamento a participar en todas as accións convocadas desde a Plataforma, en especial a concentrármonos diante dos Concellos, ás 19.00h, o mesmo día en que se faga pública a aprobación por parte do Consello de Ministr@s da contrarreforma.