21 de Xaneiro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Pomba do Arco organiza unha viaxe cultural á Alta Idade Media da Mariña

13-01-14

A Asociación Cultural A Pomba do Arco continúa co seu ambicioso proxecto lúdico cultural sob o título “Descubre Galiza”, “ Viaxa con nos pola historia, a cultura e a xeografía do país” coa pretende dar a coñecer Galiza desde diferentes esferas ao conxunto dos veciños da Mariña e moi particularmente do Concello de Foz cunha viaxe cultural pola Alta Idade Media que se vai desenvolver polas Terras da Mariña, concretamente nos Concellos de Foz, Lourenza e Mondoñedo.

A viaxe cultural que organiza A Pomba do Arco e que completará o ciclo sobre o período que imparte o Profesor Marcos Loureiro celebrarase o Domingo 19 de Novembro e percorrerá o espazo suevo e britoniense refundado na súa forma actual por san Rosendo de San Martiño de Mondoñedo, o espazo alto medieval do Mosteiro de Lourenza que garda o restos do noble galego e primo de San Rosendo Osorio Guterres e rematará cunha visita ao cemiterio de Mondoñedo onde nos achegaremos a figura do poeta Manuel Leiras Pulpeiro. A fin de facilitar que ninguén que desexe participar da actividade quede excluído A Pomba do Arco fixa uns prezos populares para os participantes, isto é 20 Euros incluíndo esta contía o xantar, a entrada aos museos e o desprazamento en autobús. Na mesma liña indicar que as prazas son limitadas sendo necesario anotarse no Tlf: 606-630-113 coa maior urxencia posto que so quedan 20 prazas por cubrir.

A Basílica de San Martiño de Mondoñedo é un templo de orixe prerrománica situado na Mariña Lucense, sé do bispado de Mondoñedo durante moitos anos, que se atopa en bo estado de conservación. Atópase na parroquia de San Martiño de Mondoñedo, concello de Foz, no norte da provincia de Lugo. Na actualidade, amais de estar aberta ó culto, alberga no seu interior un museo. É unha antiga catedral fundada polo bispo de Dume no século IX, ao se refuxiaren en Bretoña a nobreza e o clero por medo ao perigo musulmán. A día de hoxe existe unha plena unanimidade de que a actual Catedral de San Martiño de Mondoñedo levantouse sobre do antigo Mosteiro Maximun dos suevos onde resideu o bisco Mailoc no periodo Suevo. Destruída a capital de Bretoña polos normandos nas invasións de 966 – 971, o rei Afonso III estableceu en Mondoñedo a nova sé, da cal o primeiro bispo foi Sabarico. Mondoñedo foi capital até 1112 da terra dos bretoñeses.A construción do templo prerrománico acostuma a relacionarse co bispado de San Rosendo.San Martiño de Mondoñedo é un templo orixinario do século VI, mais foi reedificado entre os séculos X e o XII, e o peche das naves no século XIII. Debemos salientar que foi a primeira catedral construída no sur de Europa. As obras principais deberon ter lugar entre o ano 925 e o 944.Entre os últimos anos do século XI e os primeiros do XII gobernou a diocese de Mondoñedo Gonzalo Froilaz, canonizado e venerado pola piedade popular como San Gonzalo, sería este irmán de Pedro Froilaz, Conde de Traba, e persoa de confianza do Emperador Galego afonso VIII no seculo XII. Probablemente nunha data do seu episcopado iniciáronse as obras do actual templo de San Martiño.Foi sé episcopal ata mediados do século XII, momento no que se trasladou á cidade de Mondoñedo, que recibiu o nome do topónimo de procedencia.Por bula do papa Hadrián IV albergou unha comunidade de cóengos regulares de Santo Agostiño até o século XV. Acolle no seu interior o máis importante complexo de frescos murais de todo o románico no ámbito peninsular, recentemente descubertas, e que sitúan no século XII.

A historia destas terras está fortemente vencellada á do Mosteiro de San Salvador de Lourenzá, creado no século X por Osorio Gutierres. Foi de carácter familiar até o século XII, cando pasou a pertencer á orde de San Bieito. Acadou o seu maior esplendor cara ao século XVII, e en 1642 Filipe IV concedeulle a Álvaro Quiñones o marquesado de Lourenzá. O mosteiro pechou en 1835 por mor da desamortización de Mendizábal. As primeiras referencias sobre a súa existencia son do ano 947. No século XII pasou a pertencer á orde de San Bieito, e en 1505 integrouse na congregación de San Benito de Valladolid. O 18 de outubro de 1835 desmantelouse a biblioteca do mosteiro, pechándose o mosteiro debido á desamortización de Mendizábal. En 1878 o claustro principal viuse afectado por un incendio, e en 1910 as estancias foron ocupadas de novo por unha comunidade de monxes, pasando a ser un priorato dependente do mosteiro de Samos. O priorato disolveuse en 1942, sendo traspasadas as dependencias ao bispado de Mondoñedo, funcionando como Seminario Menor Diocesano até 1970. O Mosteiro de San Salvador de Lourenzá vinculase a unha das grandes familias nobiliarias galegas da Alta Idade Media, os Guterres, sendo o fundador do mesmo curman de San Rosendo e tendo participado igual que o resto dos seus parentes nas grantes loitas que abriron o camiño para restaurar o dominio galego sobre as terras do sul, nomeadamente aquelas que se situan entre o Douro e o Mondego. Osorio Guterres era neto do rei Ramiro II que abonda dicir que era galego. A fachada do principal do Mosteiro é barroca, da autoría de Casas Novoa, e debese vincular ao intento dos rectores dos mesmos a evitar a drenaxe das rendas dos mosteiros galegos cara castela, unha drenaxe que se vincula á dependencia dos mesmos de Valladolid por orde dos Reises Católicos e que se vincula ao proceso de sometemento e centralización de Galiza.

A viaxe rematará cun roteiro por Mondoñedo arredor da figura do medico, do republicano federal e do poeta civil Manuel Leiras Pulpeiro, desde a casa na que resideu, pasando polos lugares de Mondoñedo presentes na súa obra, para rematar no cemiterio da cidade episcopal onde rematou o seu corpo e onde partilla terra con outros importantes autores galegos como o propio Álvaro Cunqueiro. Leiras Pulpeiro é o poeta civil por escelencia do norte galego e de xeito moi particular do mar do norte galego a pesar de ser unha persoa de terra a dentro. O seu mar, é un “Mar ao norde”, coma o de Cunqueiro, porén a súa temática é distinta ao igual que a intención da sua obra e tamén, porque non decilo, a súa actitude fronte a vida. Manuel Leiras Pulpeiro é o anverso do Mondoñedo oficial, é ese outro Mondoñedo, laico, anticlerical e republicano, ao fin rara avis na vella cidade episcopal.

Xa por último A Pomba do Arco que xa abriu o prazo de inscrición para esta actividade recordou que as prazas son limitadas até o punto de que aquelas persoas interesadas nesta viaxe se apunten canto antes, posto que as prazas son limitadas a 20 persoas. O teléfono de contacto é o 606 630 113.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive