A MARIÑA, 27 DE FEBREIRO.- Os socialistas da Mariña pídenlle á Xunta de Galicia que “poña os pés na terra” e que escoite ó colectivo médico que, no día de onte, alertou do desmantelamento do Hospital da Costa que está a levar a Consellería co modelo de xestión integrada. “Pódese dicir máis alto, pero non máis claro. O 88% dos profesionais denunciaron que o centro perde servizos asistenciais, emprego e capacidade resolutiva, ata o punto de que acabará funcionando como un ambulatorio. Así é como xestiona ó Goberno galego, a base de recortar servizos”, subraia Lara Méndez.
Neste senso, a socialista critica que o Partido Popular faga caso omiso das demandas dos facultativos, que son os que verdadeiramente teñen coñecemento dos efectos que conleva centralizar a atención sanitaria no HULA. “Estamos a falar de que está en xogo a saúde dos mariñanos e, o que é máis grave, demóstrase que están acabando con todo. Que podemos esperar dun Partido que xa lle deu plantón ó sector na reunión celebrada hai algún tempo e á que estábamos convocados todos os voceiros? A Xunta de Galicia e o PP ningunean á Mariña e, o Sr. Balseiro, non só non fai nada para evitalo, senón que o consinte”.
Mocións nos Concellos
Os socialistas da Mariña, co obxectivo de o modelo proposto polo Goberno galego non supoña a perda de servizos sanitarios para o Hospital da Costa, e tal e como anunciaran en decembro, están a presentar mocións en todos os Concellos para que o Partido Popular se opoña ó desmantelamento do centro.
Deste xeito, a Vicepresidenta Segunda da Deputación e voceira do PSOE en Cervo –Lara Méndez- rexeita decididamente a área sanitaria integrada provincial, pois considera que “este é a vía definitiva para que o noso Hospital perda a súa autonomía”. A este respecto, subliña que “nestes momentos, nos que xa non caben máis recortes lineais, só se pode gañar eficiencia nos procesos asistenciais. Por tanto, se o centro sanitario non é xestionado dende Burela, o único que se consegue é vetar o acceso dos mariñanos á Sanidade pública”.
Unha medida privatizadora
A este respecto, considera que, falar da área sanitaria integrada, “é o mesmo que falar de privatizar este servizo. Primeiro foi o medicamentazo, logo o copago e agora o desmantelamento do Hospital”, afirma.
Precisamente, o día 10 de decembro fíxose efectivo o traslado do personal facultativo ó HULA; isto significa que, cando menos, un especialista e unha enfermeira de prevención de riscos laborais veranse obrigados a reforzar, varias veces por semana, este servizo no centro sanitario da capital. Ademais, a área de contabilidade deixará de existir a partir do 1 de xaneiro, perdéndose alomenos seis postos de traballo.
“Isto é a proba de que o Decreto de Xestión Integrada non só elimina a autonomía de xestión sanitaria, senón que provoca a destrución do Hospital. Por tanto, o Sr. Balseiro e o Partido Popular son cómplices e co-autores deste sistema”. Por iso, asegura a socialista, que as declaracións da Conselleira, nas que afirmaba que nuestro modelo de gestión no es privatizar la bata blanca, “non só caen polo seu propio peso, senón que demostran que á Xunta de Galicia o único que lle preocupa e cadrar as contas”. Proba delo, indica, é que entre 2011 e 2012, a administración autonómica rebaixou en 220 millóns o custe en farmacia para dedicalo, en vez de a melloras sanitarias, a pagar facturas. “E isto non o dicimos os socialistas, díceo o colectivo médico e o informe presentado no Parlamento recentemente, no que se fai balance sobre as medidas adoptadas para reducir os custes farmacéuticos nos últimos tres anos”.