Mondoñedo, 06 de marzo de 2014.- O Partido Popular de Mondoñedo resaltou este xoves que a Consellería do Medio Rural está a investir 269.000 euros no impulso da concentración parcelaria de Mondoñedo Norte.
En concreto, segundo explica a voceira dos populares locais, Elena Candia, esta importante achega económica vai dirixida á execución de camiños secundarios na zona de concentración que abarca ás parroquias de Vilamor, Masma e Coubueira.
Deste xeito, o Goberno galego encomendou esta xestión á empresa pública de servizos agrarios S.A. (Seaga), o que supón un novo avance para dar remate aos trámites necesarios no proceso.
Con esta implicación, a titular do departamento, Rosa Quintana, cumpre co compromiso expresado pola propia conselleira na visita que fixo a Mondoñedo para clausurar unha xornada sobre o sector forestal.
Marcado compromiso da Consellería
A este respecto, a popular quixo expresar o agradecemento cara a conselleira do Medio Rural e do Mar, quen está a recoller de bo grado as propostas e inquedanzas do Partido Popular de Mondoñedo.
Tanto é así que a Consellería tamén vén de formalizar o contrato para a delimitación das novas parcelas na concentración parcelaria de Sasdónigas, dando un importante e decisivo paso nun proceso que acumula máis de 45 anos de tramitación.
A voceira do Partido Popular lembra que se tivo que esperar a que un Goberno do PP chegase a rexer a Xunta de Galicia para que este proceso de Sasdónigas quedase desbloqueado, logo de superar as dificultades existentes, fundamentalmente relacionadas coa necesidade de dispor do preceptivo informe de impacto ambiental e de salvagardar o Camiño de Santiago, que discorre pola zona.
Co avance na parcelaria de Sasdónigas para a implantación dos novos predios resultantes e coa execución de camiños secundarios na concentración da zona norte; o Goberno galego está a reafirmar o seu compromiso cos dous procesos parcelarios que se están a efectuar no municipio e, en concreto, a aposta polo rural, co obxecto de combater a fragmentación histórica da terra que dificulta o desenvolvemento agrario.