Este mércores membros da Comisión Executiva e Concelleiros do PSdeG-PSOE de Burela estiveron a inspeccionar o estado de total abandono no que se atopan os terreos polos que debería de trazarse o futuro acceso ó porto.
Esta visita ven derivada dos anuncios carentes de fundamento, ata o día de hoxe, polo equipo de “desgoberno” do PP de Burela con respecto a este asunto que resulta totalmente básico para o desenvolvemento de Burela.
Cabe recordar que as obras de acceso ó porto foron iniciadas polo equipo de goberno do PSdeG-PSOE na súa anterior etapa no goberno de Burela (as obras iniciáronse en 2007), apoiados daquela polo Presidente Touriño na Xunta de Galicia e pola Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María Xosé Caride que se desprazou a Burela para visitar as obras xa comezadas. Recordamos tamén que aquelas obras tiveron que ser paradas por un proceso xudicial que obrigou a paralizar momentaneamente a obra. Unha vez solucionado ese problema xudicial, e despois de que o Sr. Feijoo gañou as eleccións autonómicas, este decidiu paralizar este proxecto ó deixalo sen partida presupostaria.
Temos que recordar que este proxecto conta cunha partida presupostaria nos presupostos da Xunta de Galicia para o ano 2014 de 860.000 euros, unha partida ben pobre tendo en conta que o presuposto total da obra supera os 7 millóns de euros. Pero o que máis nos preocupa dende o PSdeG-PSOE de Burela é saber que no pasado ano 2013 había consignados 250.000 euros para esta infraestrutura dos que nada se sabe, e quedaron sen executar. Non queremos que isto volva a pasar e por iso imos a pedirlle ó noso Deputado Autonómico pola Mariña, José Ramón Val, que se interese por esta infraestrutura no Parlamento e que se garanta por parte do goberno do Partido Popular o reinicio desta obra, que como xa dixemos é básica para o futuro de Burela.
Non nos gustaría que a xogada do Partido Popular fose a mesma que se usou na Vía de Alta Capacidade San Cibrao – Ferrol, na que trouxeron as máquinas quince días antes das eleccións autonómica para enganar ós veciños e veciñas da Mariña, e unha vez pasadas esas eleccións se paralizara a obra, estado no que aínda se atopa hoxe.
Para rematar temos que recordarlle ós veciños e veciñas de Burela que esta era unha das promesas do Partido Popular de Burela no seu programa electoral, pero moito nos tememos que será outro dos seus incumprimentos electorais, como moitos máis. O PSdeG-PSOE foi o que iniciou esta obra e moito nos tememos que será un goberno do PSdeG-PSOE o que sexa quen de rematala.