Burela, 23 de maio de 2014. Hoxe pola tarde dan comezo as festas patronais de Burela. Por diante hai dez días de repletos de actividades culturais, deportivas e musicais. O alcalde, José Mª González Barcia, deséxalles uns felices festexos os seus veciños e veciñas.
O rexedor lembraba que “hoxe arrancan oficialmente as nosas festas patronais, coa misa que se vai celebrar na igrexa da Vila do Medio a partires das nove da tarde e a posterior procesión de baixada das imaxes dende a igrexa da Vila do Medio á actual parroquial. Empezan dez días intensos para os cidadáns que vivimos en Burela e para os visitantes, que estou completamente seguro de que van chegar a Burela nos próximos días. En definitiva empezan dez días nos que se van mesturar os sentimentos relixiosos coas emocións, co aspecto lúdico e co festivo”.
González Barcia dixo: “dende o Concello, como representante de tódolos veciños e veciñas, doulles os meus parabéns a tódolos cidadáns, desexándolles que pasen os mellores días posibles e tamén desexándolles aos visitantes, que estou seguro de que os vamos saber acoller como sempre fixemos, é dicir excelentemente ben, que pasen uns días agradables entre nós”. O alcalde agarda que “o tempo nos axude e, por suposto, recoñecer o traballo de todas as persoas que dun xeito ou doutro colaboran coas festas: dende as persoas que, participando de forma activa na comisión de festas ou colaborando con ela, foron capaces de organizar un programa máis que digno para o noso concello, porque nos momentos actuais que corren, de dificultade económica, poñerse ao fronte dunha comisión de festas non é nada doado; ás persoas que traballan día a día e que elaboran as alfombras florais, que merecen un auténtico monumento polo recoñecemento ao traballo que fan, que é calado e xordo pero que despois vamos poder gozar todos del; tamén ás persoas que colaboran economicamente coa comisión de festas; e, por suposto, a tódolos veciños e veciñas do noso concello, que son os que fan posible que as nosas festas sexan unhas das máis grandes de toda a comarca e de toda a provincia”.
O alcalde burelés engadiu: “desexamos pasar estes días da mellor forma posible, intentando gozar e esquecernos un pouco dos problemas cotiáns que a vida nos presenta día a día, na seguridade de que se enfocamos as festas con ilusión tamén enfocamos o futuro coa mesma ilusión. Felices festas a todos”.
O pregón será pronunciado mañá, sábado, ás 19:30 horas na Casa da Cultura polo xornalista de TVE Jenaro Castro. Un dos días grandes será o 31 de maio, data na que se confeccionará a grande alfombra floral pola que discorrerá a procesión ata o porto.