Burela, 29 de maio de 2014. Con motivo da conmemoración do día mundial sen tabaco, que se celebra o 31 de maio, a Concellería de Servizos Sociais e Sanidade, da que depende a Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD) do Concello de Burela, instalará este venres 30 de maio, unha mesa informativa nas inmediacións do centro de saúde.
A edil Diana Durán explica que “dende as 10 ata as 13:30 horas, a mesa estará situada nas inmediacións do centro de saúde da localidade, atendida pola psicóloga clínica Susana Fernández Pernas, quen informará sobre os efectos nocivos do tabaco e as estratexias terapéuticas para o abandono do consumo desta sustancia. Realizaranse tamén, a todas aquelas persoas interesadas, medicións do monóxido de carbono (CO) en aire expirado, e entregarase material informativo”.
Neste ano 2014 a campaña da OMS (Organización Mundial da Saúde) é Subir os impostos do tabaco. A OMS e os seus asociados fan un chamamento aos países para que aumenten os impostos do tabaco: o obxectivo é reducir o consumo de tabaco e salvar vidas.
A concelleira de Servizos Sociais e Sanidade puntualiza que “a epidemia mundial do tabaquismo mata cada ano a case 6 millóns de persoas, das que máis de 600.000 son non fumadoras que morren por respirar o fume alleo. Se non actuamos, a epidemia matará a máis de 8 millóns de persoas ao ano de aquí ao 2030. Máis do 80% desas mortes evitables produciranse entre as poboacións dos países de ingresos baixos e medios”.