20 de Abril de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Roteiro conxunto de Mariña Patrimonio e Roxín Roxal pola Mariña Central

10-06-14

mondoñedoA Mariña. – 10 de xuño de 2014.- Esta pasada fin de semana, sábado 7 e domingo 8, a Asociación Sociocultural MariñaPatrimonio realizou un roteiro pola comarca da Mariña Central nos concellos de Foz, Alfoz, O Valadouro, Mondoñedo e Lourenzá, en colaboración coa asociación afín Roxín Roxal, que desenvolve o seu extenso labor de defensa do patrimonio cultural e natural na comarca das Mariñas coruñesas. A actividade contou cunha participación total de 70 persoas convocadas entre as dúas asociacións.

sanmartiñoO sábado o grupo visitou pola mañá a basílica de San Martiño de Mondoñedo, o obradoiro e o paradisíaco xardín do artista Daniel Caxigueiro, os restos do castelo da Frouxeira e a fortaleza do Castro de Ouro; pola tarde o grupo desprazouse aos montes do Chao de Padorno, onde se atopan o Prado das Chantas e diversos monumentos megalíticos. O animador cultural e escritor valadourense, Lionel Rexes, foi o encargado de guiar este roteiro.

O domingo, a xornada comezou na praza da catedral de Mondoñedo coa visita á sé episcopal, continuou cun interesantísimo percorrido pola cidade e rematou na Ponte do Pasatempo. A visita foi guiada polo concelleiro de cultura, Xusto Fernández Haro e o arqueólogo municipal, Abel Vigo.
Despois dunha comida de confraternidade na Casa da Penela, en Masma, o grupo rematou a xornada na Fortaleza de Tovar, un espectacular edificio do s. XVI que domina o fermoso val de Lourenzá na parroquia de Sto. Tomé e que está aberto ao público desde comezos deste ano, despois dun admirable traballo de restauración e posta en valor, por parte do seu propietario, José Ventoso.

MariñaPatrimonio valora de xeito moi positivo estas xornadas de divulgación do patrimonio histórico mariñán e, especialmente, o resultado desta colaboración que abre a porta a un traballo de cooperación entre estes dous colectivos que comparten obxectivos e intereses en torno á defensa, divulgación e goce social do patrimonio cultural material e inmaterial así como natural, tan valioso como ameazado e necesitado de atención.

Nas próximas semanas, o colectivo ten programado un roteiro curto no concello de Cervo, para dar a coñecer e pór en valor a Fraga de Martín Paz, na cabeceira do Rio Covo, un espazo natural de bosque atlántico moi ben conservado e que, por iso, precisa ser protexido fronte á expansión do eucaliptal.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive