Ribadeo, 24 de xullo de 2014. Adegas Guímaro, da Ribeira Sacra, achegou as súas novas producións a Ribadeo e á Mariña. Fíxoo no transcurso do acto de presentación do libro A praia das Catedrais e as súas contornas. Os asistentes puideron degustar eses viños na terraza do Parador de Turismo.
O propietario da adega, Pedro Rodríguez, sinalou que “para diferenciarnos un pouco o que facemos, aparte do godello, que é a variedade top de Ribeira Sacra é unha fusión con outras variedades que tamén hai pola zona, como poden ser o albariño, o torrontés e o loureiro. O que queremos facer é algo que non perda nunca a identidade dun godello pero complementándoo con outras variedades, seguindo o que facían os grandes viticultores ou a xente que tiña os seus viños e na súa viña aparte do godello ou da mencía, no caso dos tintos, mesturaban con outras variedades, o que lle daba un toque distintivo a eses produtos cada vez máis complexos á vez que moi interesantes. Iso é o que tratamos de facer no Guímaro branco. E o buque insignia da bodega é o Guímaro de toda a vida”.
Segundo Pedro Rodríguez “o que tratamos de buscar nesta bodega é volver ás raíces porque creo que é moi importante. A tecnoloxía no mundo dos viños o que fai é globalizar e que todo sexa igual, polo que é moi importante aprender da xente antiga e aproveitarse tamén das novas tecnoloxías, porque eu creo que iso é o que ten identidade e se estivo aí durante séculos será por algo. O que tratamos é de recuperar ese estilo de facer viños”.
Guímaro ten unha presenza importante nos mercados internacionais, xa que está a triunfar en Estados Unidos e tamén en Australia.