Burela, 2 de agosto de 2014.- A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, visitou este sábado a localidade lucense de Burela con motivo da celebración da XXX Festa do Bonito. A conselleira, acompañada por diversas autoridades do concello, foi a encargada de dar o pregón inaugural desta trixésima edición da exaltación do bonito no barco-museo Reina del Carmen.
Rosa Quintana, agradecida por ser invitada a dar o pregón “dun produto senlleiro do mar”, recalcou a relación “sumamente frutífera” da vila co bonito recordando que nos últimos dez anos se descargaron no porto burelao 20 millóns de quilos de bonito que deixaron na lonxa case 70 millóns de euros, facendo – tal e como salientou a conselleira – “que as marcas verdes do bonito sexan santo e seña dun produto de primeira”. No que levamos de ano descargáronse no porto de Burela máis de 2 millóns de quilos de bonito cunha facturación superior aos 8 millóns de euros.
Segundo a conselleira, o bonito “foi quen de dar pulo a esta vila e á contorna” xa que, grazas á frota boniteira, Burela despegou a finais dos anos 50 e 60 da dura posguerra e, xa nos anos 80, deu un gran avance pesqueiro grazas á aposta pola frota de Gran Sol. Neste sentido destacou a boa fama dos traballadores do mar burelenses por toda a franxa do Cantábrico. Os homes e mulleres de Burela conforman, en palabras da titular de Medio Rural e Mar, “un pobo traballador, acolledor e mariñeiro” que recibiu no seu espazo a outro pobo, o caboverdiano, co que ten moitos puntos en común.
Durante o transcurso do pregón, Rosa Quintana animou aos asistentes a desfrutar da festa, a comer os 3.000 quilos de túnido repartidos en 3.500 racións e felicitou á Sociedade Recreativa e Cultura “Ledicia” pola organización desta festa declarada de interese turístico en 1999.