Viveiro, 21 de outubro de 2014.- Este mércores 22 de outubro Xacio Baño abre o ciclo de cine “Dirixido por…”. Será ás 20.30 horas, no salón de actos do IES María Sarmiento de Viveiro. A entrada, é libre até completar o aforo.
O Colectivo Pensamento e Sementeira achegará a Viveiro directores e directoras de cine para que presenten a súa obra e participen nun coloquio posterior co público asistente.
O primeiro dos directores que intervirán é Xacio Baño.
Xacio naceu en Xove , en 1983. Estuda Cinematografía na Universidade de León, especialidade en Montaxe. Despois de colaborar en todo tipo de curtametraxes, documentais, formatos, etc., desempeñando sobre todo tarefas de edición e postprodución, decide dar o paso á dirección.
As obras de Xacio Baño obtiveron varios premios: ALCINE (Sección Oficial, por Anacos), Curtocircuito (Mellor Curtametraxe, por Estereoscopía), Festival de Cans, (Mellor Curtametraxe por Estereoscopía), Festival de Málaga, (Sección Oficial – Cortos por Estereoscopía), Toulouse Cinespaña, (Sección Oficial – Cortos por Estereoscopía)…
Máis recentemente, o prestixioso Festival Internacional de Cinema de Locarno, un dos eventos que califican para os Oscar, contou con presenza galega. A curta de non ficción Ser e voltar, de Xacio Baño—que tamén veremos en Viveiro–proxectouse no marco da sección Pardo di Domani. A curta de Baño amosa as tentativas do propio director de explicarlle aos seus avós en qué consiste o seu traballo no cinema.