Lugo, 2 de decembro de 2014.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, explicou que a Xunta de Galicia está valorando proceder á cesión do edificio do antigo Centro Comarcal da Mariña Occidental para usos sociais e culturais dos veciños e veciñas de Viveiro.
Así llo trasladou este martes a Antonio Bouza, portavoz do grupo municipal do PP nesa corporación, nunha xuntanza mantida a instancias do edil na que este explicou os beneficios que podería reportar a cesión do inmoble ao concello.
Bouza, que xa amosara o seu interese nesta cesión en distintas ocasións, avanzou algunhas das iniciativas que poderían desenvolverse neses locais, tanto económicas como sociais e culturais.
Raquel Arias asegurou que a Xunta está estudando a proposta e os trámites necesarios para a súa execución, e, de feito, o próximo venres terá lugar unha xuntanza na sede da Consellería de Medio Rural e do Mar para avanzar nesta iniciativa.
O edificio do antigo Centro Comarcal está situado na travesía da localidade, na Avenida Ramón Canosa, e actualmente alberga unicamente a oficina agraria comarcal.