María Loureiro García, Alcaldesa do Concello de Viveiro, informa que “con data 19 xaneiro de 2015 publicouse no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se convocan, na anualidade 2015 con financiamento plurianual, as subvención do programa de axuda ao alugamento de vivenda do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016”.
O prazo para solicitar estas axudas remata o vindeiro 19 de febreiro, e só serán estudadas as solicitudes presentadas antes desa data e que cumpran os seguintes requisitos establecidos pola resolución:
– Que a vivenda sexa o domicilio habitual e permanente do solicitante.
– Estar empadroado na vivenda arrendada.
– Que o límite de ingresos da unidade de convivencia, composta polas persoas que teñan ou vaian ter o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada, non superen 3 veces o IPREM.
– Que o solicitante non sexa titular dunha vivenda no territorio nacional.
Estas axudas van destinadas ás persoas máis desfavorecidas, e a colectivos como familias numerosas, mulleres vítimas de violencia de xénero, vítimas do terrorismo, persoas con discapacidade e persoas afectadas por desafiuzamentos.
As axudas poderán chegar a un 40% da renda anual, cun límite de 2.400 euros anuais por vivenda. As subvencións concederanse por un prazo de 12 meses, prorrogables por un ano ata a finalización do plan vivenda no ano 2016.
Para tramitar as axudas será necesario completar a solicitude anexa á resolución publicada no DOGA e xuntar a documentación requirida. A resolución será notificada antes de 3 meses e realizarase en réxime de concorrencia competitiva polo que se realizará unha baremación das solicitudes presentadas.
Todas as emendas de documentación, relación das persoas beneficiarias e importe das axudas concedidas serán publicadas na páxina web do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) (www.igvs.xunta.es).
As persoas que desexen solicitar as axudas referidas ou realizar calquera consulta ao respecto poden achegarse á Oficina municipal de Rehabilitación do Casco Antigo de Viveiro (tel: 982 562 968), onde se proporcionará axuda e información ó respecto.