18 de Setembro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A colección de ouriveiría prerromana de Álvaro Gil poderá ser visitada de novo no Museo Provincial de Lugo a partir deste martes

09-02-15

Lugo, 9 de febreiro de 2015. Os veciños e as veciñas da provincia poderán volver a contemplar no Museo Provincial de Lugo as pezas da colección de ourivería prerromana de Álvaro Gil dende as cinco da tarde deste martes, momento no que dará comezo un acto público que servirá para inaugurar a reapertura da sala número 8 da galería lucense, lugar que volverán ocupar obxectos de gran valor como o Torques de Burela ou o Carneiro Alado.

Este acto público estará presidido pola familia de Álvaro Gil e o responsable de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, que foi o encargado de levar a cabo as negociacións neste último anos cos herdeiros do filántropo lugués e que acabaron frutificando no acordo que se asinará mañá. Tamén intervirán o vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, e os voceiros do resto de grupos políticos con representación no organismo provincial.

Durante o acto, ao que están convidados representantes de asociacións e persoas vinculadas á Cultura e ao Patrimonio de toda a provincia, emitirase un vídeo onde se ofrecerá unha explicación técnica das pezas que mañá regresan ao Museo Provincial e, seguidamente, procederase a reabrir a sala número 8 da galería da cidade amurallada.

Outeiro anima aos lucenses a asistir á reapertura
O delegado de Cultura cualificou de “histórico o acordo entre os herdeiros de Don Álvaro Gil Varela e a Deputación de Lugo, xa que os lucenses e, por extensión, a nación galega, recuperan un dos fitos máis importantes do noso patrimonio histórico e artístico”, sinalou Mario Outeiro. Ao mesmo tempo, animou “a todas e todos os lucenses a participar na reapertura da Sala do Ouro, que dende mañá volverá acoller esta importante colección”.

Sinatura administrativa a mediodía
Previamente á reapartura da Sala do Ouro, asinarase pola mañá o contrato de compravenda desta colección. A sinatura levarase a cabo ás doce do mediodía no Salón de Exposicións do Pazo de San Marcos, lugar ao que acudirán os herdeiros do coleccionista lucense e o delegado de Cultura e Turismo, Mario Outeiro. Neste acto, os familiares do mecenas tamén rubricarán un documento no que renuncian a emprender futuras accións legais contra o organismo provincial.

Fin a un longo proceso
Este martes culmínase a primeira fase dun proceso que rematará no ano 2018, exercicio no que a Deputación de Lugo rematará de aboar as cifras acordadas coa familia de Álvaro Gil. Coa sinatura deste contrato, o organismo provincial fará efectivo o pago das dúas primeiras anualidades, as referidas a 2014 e 2015, das cinco acordas para o pago. Do mesmo xeito, aboará os 600.000 euros que foron fixados polos tribunais en concepto de costas xudiciais dun litixio comezado hai 14 anos, na época na que presidía o organismo provincial o popular Francisco Cacharro Pardo.

En total, os herdeiros do mecenas lucenses recibirán 2.346.200 euros, o prezo a pagar para que as 40 pezas das que se compón a colección, algunhas tan importantes como o Torques de Burela ou Carneiro Alado, pasen a ser propiedade en exclusiva do Museo Provincial. Outeiro considera que este importante esforzo económico paga a pena, xa que “consegue recuperar como patrimonio público para gozo do pobo un destacado tesouro do patrimonio material galego”, apuntou. Trátase, continuou o responsable de Cultura, “da colección de arte prerromano galego máis importante do noso país e un dos emblemas do Museo Provincial de Lugo”, destacou.

Outeiro criticou que “a colección nunca debera ter saído das instalacións do Museo” e felicitouse de que “culminen de xeito positivo meses de traballo e de negociación coa familia que, afortunadamente, deron os seus froitos”. Así mesmo, Outeiro considera este regreso “unha boa noticia para o conxunto da provincia de Lugo, dado que hai pezas que foron atopadas en distintos lugares da provincia, sendo, por exemplo, case a metade de varios concellos da Mariña”, apuntou.

Finalmente, o responsable de Cultura avanzou que o seu departamento xa está traballando para deseñar un completo programa de actividades para os vindeiros meses cos que “poñer en valor esta colección e dar a coñecer á cidadanía a súa importancia”.

Pezas datadas entre o 1800 a.C. e o 400 d.C.
Unha vez adquiridas pola Deputación, as pezas pasarán a formar parte dos fondos propios do Museo. Trátase de 40 pezas datadas entre o 1800 a.C. e o 400 d.C., entre elas os Torques de Burela e Viveiro e o Carneiro Alado, emblemas durante 4 décadas da colección do Museo Provincial de Lugo e que saíran do Museo en outubro do 2013 despois dunha sentenza xudicial do Tribunal Supremo que outorgaba a titularidade da colección á familia Álvaro Gil. A colección inclúe torques, pulseiras, adornos de pelo e arracadas, fundamentalmente de ouro, para as que foi iniciado un expediente de declaración como Ben de Interese Cultural o 23 de outubro de 2013, un día antes do levantamento do seu depósito no Museo Provincial para evitar deste xeito que puideran ser vendidas ou sacadas do Estado español.

Condicións do acordo de compravenda coa familia
A volta da colección ao Museo que a custodiou durante décadas prodúcese ao abeiro do acordo acadado no mes de xuño entre a Deputación e os herdeiros do coñecido filántropo lucense e que foi ratificado no pleno de 24 de xuño de 2014. Este acordo, que pon fin a 14 anos de litixios xudiciais, está sustentado en 3 piares:

1.- Adquisición da colección de ourivería polo importe da taxación encargada pola Excma. Deputación Provincial, é dicir, 2.346.200 € en cinco anualidades comezando no 2014 e rematando no 2018.

2.- Aboamento aos herdeiros de don Álvaro Gil das cantidades debidas en concepto de custas e gastos xudiciais, derivadas dos procedementos relacionados coa colección, ata unha cantidade máxima de 600.000 euros tras a xustificación documental pertinente. Isto aprobouse cando os secretarios xudiciais dos tres órganos xudiciais, 1ª Instancia, Audiencia e Tribunal Supremo, determinaron as custas.

3.- Por último, o acordo plenario establece que os herdeiros de don Álvaro Gil, simultaneamente á sinatura de contrato de compravenda, realizarán a renuncia a establecer calquera acción, administrativa ou civil, que puidera ter lugar en relación coa colección que se transmite, desistindo dos que se iniciaran e, concretamente, desistindo do iniciado con data 30 de maio de 2014, ante a Deputación Provincial de Lugo, en concepto de reclamación de responsabilidade patrimonial por danos e prexuízos, renunciando a calquera dereito que lles puidera asistir en tal concepto.

Pago de 2.346.200 euros en cinco anualidades
O prezo de adquisición quedou fixado na proposta feita pola Deputación aos herdeiros de Álvaro Gil baseada nun informe de valoración encargado a Eduardo Ramil Rego, taxador independente membro da Asociación de Peritos Xudiciais e especializado en Arqueoloxía e Antigüidades e que estableceu o prezo da totalidade da colección en 2.346.200 euros, moi por debaixo dos case 5 millóns de euros que pedía a familia Álvaro Gil.

O acordo establece ademais que a colección completa será posta a disposición da Deputación Provincial nun prazo máximo de sete días desde a sinatura do contrato definitivo, pero que o pago desa cantidade económica farase en 5 prazos en anualidades que van do 2014 ata o 2018, a razón de 99.608 euros pertencentes ao 2014, 656.648 euros serán pagado no 2015, 633.284 euros no 2016, 606.364 euros no 2017 e 350.296 euros no 2018.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive