En días pasados a Asociación Galega da Apicultura e o Sindicato Labrego Galego na comarca da Mariña remitiron unha carta dirixida a alcaldes de concellos da Mariña Oriental e Central na que se poñían a disposición dos mesmos (e solicitaban a súa colaboración) para a realización de actos informativos e divulgativos orientados a informar e concienciar á pobación do problema derivado da presencia da vespa asiática no noso territorio.
Entendemos que estes actos teñen urxencia, porque é á saída do inverno cando se pode intentar capturar o maior número posíbel de raiñas de vespa asiática, o que reduciría de xeito importante a poboación no verán. Para isto, é precisa a colaboración do maior número de persoas e institucións que, con accións moi sinxelas (observacións, elaboración e colocación de trampas…) poden axudar a controlar a poboación e reducir os danos.
A día de hoxe, xa temos a confirmación da colaboración do Concello de Mondoñedo, onde se vai realizar un acto con presencia de persoas expertas no mundo da apicultura.