Mondoñedo 6 de maio de 2015.- A candidata á alcaldía do Partido Popular en Mondoñedo, Elena Candia, traslada á Xunta de Galicia a proposta de consolidar no centro de día de Mondoñedo unha unidade especializada en alzheimer.
A alcaldable fíxolle chegar esta necesidade á responsable do departamento de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, durante unha reunión mantida coa conselleira. A popular destaca a boa dispoñibilidade amosada polo departamento deTraballo e Benestar.
Elena Candia transmitiulle toda a colaboración do Partido Popular de Mondoñedo para a concreción de prazas de atención a persoas con alzheimer no centro de día, que está actualmente en obras, na residencia San Rafael.
Así, a candidata popular explica que no programa electoral do PP en Mondoñedo recóllese o compromiso para que se consolide unha unidade especializada para o coidado de persoas con alzheimer. Deste xeito, os populares xa están a manter contactos, con boa recepción, para a súa próxima posta en marcha.
Centro de día
Por último a popular lembra que se están a realizar as obras para a dotación dun centro de día na residencia San Rafael de Mondoñedo, que contará con 60 prazas residenciais e 20 para centro de día. Un compromiso asumido polos populares desta localidade e que, dende a posición que ocuparon estes anos, traballaron para lograr o seu impulso e que se convertese nunha realidade.