Burela, 7 de maio de 2015. A oficina de turismo de Burela está aberta ao público todos os días da semana, segundo deron a coñecer este xoves as concelleiras de Turismo e Mar, Mónica Pedre e Patricia López Eijo. Tamén se incrementou o número de traballadores no barco museo Reina do Carme.
Pedre explicou que “desde hai unha semana o Concello abriu ao público a oficina de turismo todos os días da semana en horario de mañá e tarde. Isto foi posible grazas á subvención concedida pola Xunta de Galicia para a contratación de persoas que están a cobrar a Risga. Estas persoas recibiron formación, déronselles unhas ideas básicas e fundamentais do traballo que teñen que levar adiante na oficina de turismo e isto permitiranos ter aberta esa instalación, sen ningún tipo de problema, ata que remate o verán. Despois haberá que plantexarse manter a oficina aberta tras o verán ou non, porque o seu contrato remata en novembro. Senón esas persoas poderían facer outras cousas ata que chegue ese momento”.
López Eijo contou que “grazas a esta mesma subvención puidemos incorporar unha persoa máis ao barco museo Reina do Carme. Deste xeito ampliaremos tamén a súa oferta. O barco tamén estará aberto todos os días. Neste caso actuouse da mesma maneira, estáselles a dar formación ás persoas que estarán no barco museo para que teñan os coñecementos suficientes de cara a atender as visitas que recibe o Reina do Carme de xeito asiduo todas as semanas”.
A concelleira de Mar dixo que “isto veunos moi ben, porque son dous servizos moi importantes de cara ao verán e nos permite poder planificalos e abrilos antes do que estaba previsto. Abrilos no caso da oficina de turismo, e ampliar o horario de apertura ao público no caso do barco museo Reina do Carme”.
Mónica Pedre e Patricia López agardan que “o traballo que se realice desde a oficina de turismo e desde o barco museo sexa positivo e contribúa na medida do posible a trasladar unha boa imaxe de Burela aos visitantes”.