Arranca a tempada de verán en COGAMI coa primeira travesía do veleiro Laion, unha embarcación que lle foi incautada ao narcotráfico e que ten en garda e custodia a Federación COGAMI Coruña dende hai trece anos, posibilitando que as persoas con discapacidade poidan experimentar as sensacións que produce a navegación a vela.
Durante este mes de xullo, o Laion vai estar atracado en diferentes clubs náuticos, para facilitarlle a distintas persoas usuarias das entidades que conforman a Confederación, a oportunidade de participar e aprender as nocións básicas sobre a navegación a vela, así como a realización de nós náuticos e o manexo do temón.
Neste verán van participar un total de 216 persoas, 8 delas por quenda, procedentes de distintas entidades membro de COGAMI ou dos centros de atención que ten a Confederación nas distintas cidades galegas.
Con dúas travesías por día, en horarios de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas, a primeira saída vai ser dende o RCN de Ribadeo, e a última travesía realizarase a finais de agosto trala participación durante os días 28, 29 e 30 de agosto na Regata SAR Infanta Elena de A Coruña, como xa vén sendo habitual. A continuación, deixamos unha táboa con todos os lugares e entidades participantes.
DATAS | LUGARES | ENTIDADES | HORARIOS |
1 de xullo | RCN Ribadeo | COGAMI-Lugo | 11 a 14 h. e 16 a 19 h |
2 de xullo | RCN Ribadeo | FRATERNIDAD | 11 a 14 h. e 16 a 19 h |
3 de xullo | RCN Ribadeo | FRATERNIDAD A Mariña COGAMI | 11 a 14 h 16 a 19 h |
4 de xullo | RCN Ribadeo | A Mariña COGAMI | 11 a 14 h |
12 de xullo | Marina Viveiro | Disvalia | 11 a 14 h. e 16 a 19 h |
14 de xullo | Club do Mar de Ferrol | COGAMI Ferrol | 11 a 14 h. e 16 a 19 h. |
17 de xullo | CN de Camariñas | Integro | 11 a 14 h. e 16 a 19 h |
20 de xullo | Muport- Marina Muros | Adisbismur | 11 a 14 h. e 16 a 19 h |
21 de xullo | Muport- Marina Muros | Adisbismur | 11 a 14 h. e 16 a 19 h |
22 de xullo | Muport- Marina Muros | Adisbismur | 11 a 14 h. e 16 a 19 h |
25 de xullo | CN Ría de Ares | COGAMI Ferrol | 11 a 14 h. e 16 a 19 h. |
26 de xullo | CN Ría de Ares | COGAMI Ferrol | 11 a 14 h. e 16 a 19 h. |
PARTICIPACIÓN REGATA SAR INFANTA ELENA | |||
28 de agosto | RCN de A Coruña | COGAMI Coruña | 16 a 19 h |
29 de agosto | RCN de A Coruña | COGAMI Ourense | 11 a 14 h. e 16 a 19 h |
30 de agosto | RCN de A Coruña | Alcer Coruña | 11 a 14 h |
Este proxecto denominado GAVEA (Galicia Vela Adaptada) é posible a través da colaboración de distintos clubs náuticos que ceden os amarres, como é o caso de: Real Club Náutico de Ribadeo, Marina Viveiro, Club do Mar de Ferrol, Club Náutico de Camariñas, Muport- Marina Muros, Club Náutico Ría de Ares e o Real Club Náutico de A Coruña.
O GAVEA permite a participación en actividades náutico-deportivas a todas as persoas, derribando as barreiras que impiden o uso do medio mariño. Dende que iniciou este proxecto, máis de 3.500 persoas puideron participar.
O VELEIRO LAION
O Laion, de 13 metros de eslora, ten capacidade máxima para 10 persoas: 2 tripulantes, que son persoas voluntarias que ceden o seu tempo para participar neste proxecto, 6 participantes con algunha discapacidade e outras 2 persoas acompañantes.
A embarcación conta con adaptacións para facer practicable a navegación, como un guindastre instalado na botavara que permite embarcar ás persoas con mobilidade reducida dende o pantalán ata uns backets instalados na bañeira do barco. O control da embarcación conta cun winche eléctrico que se activa a través dun pulsador, permitindo gobernar o barco a calquera persoa.