21 de Xaneiro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Foz celebra as XX Xornadas de Historia Local

28-07-15

cartaz XX xornadas de historia local da Pomba do ArcoFoz, 28 de Xullo de 2015.- A Asociación Sócio-Cultural “A Pomba do Arco” dará comezo o vindeiro luns 3 de agosto á XX edición das Xornadas de Historia Local, que esta asociación ven celebrando de xeito ininterrompido nas primeiras semanas do mes de Agosto.

As Xornadas de Historia Local téñense convertido xa a esta altura en toda unha referencia da proposta cultural do Concello de Foz, pola súa contribución a pór en valor o pasado de Foz.

Estas xornadas son referencia para os focegos pois nela ven o compromiso por parte da Pomba do Arco en recuperar a nosa historia local e incorporala dentro da historia xeral de Galiza.

As Xornadas de Historia Local confirman que tanto Foz, como a Mariña e Galiza teñen historia propia. A Asociación Cultural A Pomba do Arco quere con estas xornadas dar a coñecer a nosa historia, a divulgar o noso pasado e conservalo. Mais toda esta labor realizada pola citada asociación non tería razón de ser se non se contase coa complicidade do pobo de Foz, xa que son os seus veciños os que coa súa asistencia fan posible estas xornadas ano tras ano.

As conferencias inícianse o luns, 3 de agosto, ás 20:30, na Casa da Cultura “Poeta Manuel María” de Foz cunha palestra a cargo de Xoán Ramón Fernández Pacios, co título “Crónica negra de Foz”, na que o investigador focego achegarase aos crimes, incidentes violentos e feitos desgraciados que sucederon no Concello, arrancando a súa investigación no século XVI. Fernández Pacios, Licenciado en Historia pola USC, é autor de diferentes traballos sobre a Idade Media e a Idade Moderna na Mariña de Lugo, así como autor de varios libros sobre a historia do concello de Foz. Actualmente ocupa a Presidencia da Pomba do Arco.

O martes, 4 de agosto, ás 20:30, na Casa da Cultura “Poeta Manuel María” de Foz, contaremos co presenza da Profesora da USC Ana Cabana Iglesias, que analizará dun xeito integral o período da posguerra na Mariña e de xeito moi particular en Foz, centrándose en aspectos como a fame, o estraperlo, a fiscalía de taxas, os fuxidos ou a oposición popular ao réxime. A profesora Cabana Iglesias é unha recoñecida investigadora, centrada de xeito especial na historia agraria, se ben o seu campo de traballo abrangue moitos ámbitos dos que dan mostra a abondosa bibliografía da que é autora.

O mércores 5 de agosto, tamén no Salón de Actos da Casa da Cultura “Poeta Manuel María” de Foz e no mesmo horario, as 20:30, terá lugar a conferencia leva por título “75 anos do Colexio Martínez Otero”. Nela farase un percorrido pola historia deste centro educativo, con especial relevancia ao alumnado que pasou polo mesmo e tamén ao cadro docente, pero sen esquecer a pegada que deixaron na sociedade focega as iniciativas que xurdiron do mesmo. A palestra correrá a cargo de Ramón Eiras Fernández, Alexandra Eiras e Antón Niñe. Calquera destes tres poñentes son xa coñecidos das xornadas de historia e autores de diversos traballos de investigación de temática local.
As Xornadas rematarán o xoves, 6 de agosto, cunha palestra a cargo do antropólogo Xosé Manuel González Reboredo. O profesor González Reboredo, director do grupo de antropoloxía do Museo do Pobo Galego e responsábel da mesma área no Consello da Cultura Galega. O profesor Reboredo é unha das grandes referencias dos estudos no ámbito antropoloxía en Galiza, tal e como o testemuñan as numerosas publicacións e premios dos que foi obxecto. A súa palestra leva por titulo “Crenzas e ritos na Mariña” e nela falará da orixe dos diferentes cultos parroquiais, as razóns da escolleita do santoral dependendo dos cultos precristiáns existentes. Amosaranos como o catolicismo se apodera dos cultos precristiáns e como aínda hoxe en día eses cultos seguen presentes na relixiosidade popular.

A tradicional foto que acompaña o cartaz destas xornadas data do ano 1917. Nela podemos ver ao alumnado da Escola de Fondós naquel momento dirixida polo xornalista e escritor Ramón Salgado Toimil.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive