David Fernández Abella, arqueólogo de pé e de aleta, fundador da empresa “Argos”, dedicada a realizar proxectos e intervencións tanto no ámbito terrestre como subacuático, que ten mergullado unha boa parte do mar costeiro de Galiza na procura de restos arqueolóxicos, ofrecerá unha conferencia denominada “Da Ragazzona ó pecio de Xove: arqueoloxía subacuática do norte de Galiza” no salón de actos da Casa do Concello de Mañón, no Barqueiro, a partir das 20.00 horas do sábado 4 de xullo.
David Fernández Abella é Licenciado en Historia coa especialidade en Arqueoloxía, Historia Antiga e Historia Medieval.
Investigador doutoral do Departamento de Historia I, área de arqueoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Colaborador externo do Grupo de Investigación Taller de arqueoloxía e Patrimonio.
Arqueólogo subacuático e buzo profesional.
Realizou a tesis doutoral sobre armamento e fortificacions medievais na provincia da Coruña.
Arqueólogo e xerente da empresa de arqueoloxía Argos, servicios de actividades subacuáticas S.L.
O poñente falará dos máis importantes pecios existentes entre os puntos determinados polo afundimento da nave “La Ragazzona”, barco de guerra da República de Venecia que foi parte da escuadra chamada “Armada Invencible”, e que afundiu preto de Ferrol no ano 1588, e o chamado “pecio de Xove”, que se corresponde cunha nave flamenca do século XVI afundida frente a Morás, no concello de Xove.
De seguro unha boa oportunidade para coñecer e poñer en valor, ó tempo que preservar, este importante patrimonio histórico que garda e agocha o mar frente as nosas costas.