Burela, 26 de agosto de 2015.- O alumnado da ocioteca e de actividades de tempo libre do Concello burelés participaron este mércores pola mañá no programa Ponlle as pilas ao teu bocata. Trátase dunha iniciativa da Consellería de Medio Rural para dar a coñecer entre os máis novos os beneficios das conservas de produtos do mar. A cita foi hoxe ás 11:30 horas no interior da praza de abastos.
As monitoras de Gaia, encargadas de conducir este obradoiro, indican que “a idea da actividade é que os cativos aprendan xogando e que preparen o seu propio bocata a base de conservas. Os obradoiros tiveron unha duración aproximada dunha hora: 20 minutos de introdución lúdica, outros 20 minutos de xogos e outros 20 para a elaboración dos bocatas”.
Ao evento asistiu a concelleira de Medio Ambiente, Noelia Ben, para colaborar na organización da actividade, as monitoras do centro Gaia e o monitor de tempo libre. En total participaron 60 nenos e nenas, que están inscritos nas actividades da ocioteca e nas de tempo libre. Os rapaces recibiron unha gorra e un díptico informativo.