Burela, 2 de setembro de 2015.- Con motivo da celebración do festival Osa do Mar a vindeira fin de semana e para garantir a seguridade dos asistentes ao evento o Concello burelés procederá a cortar o tráfico na estrada LU-P-1510 de San Cibrao a Burela, nas inmediacións da praia da Marosa. Será desde as dúas da tarde do vindeiro venres, 4 de setembro, ata as oito da mañá do domingo, 6 de setembro.
Haberá sinalización informativa sobre este corte provisional e sobre os desvíos alternativos habilitados. Foi a Deputación de Lugo a que lle concedeu o correspondente permiso ao Concello de Burela para realizar o corte nesta estrada provincial, que “deberá quedar nas mesmas condicións previas ao corte, limpa e sen obstáculos nin impedimentos para a circulación”.
Deste corte e das medidas de seguridade que se porán en marcha eses días en Burela falaron hoxe nun encontro mantido no Concello o alcalde, Alfredo Llano, membros da organización do festival (a asociación cultural Fanto Fantini) e tamén as forzas e corpos de seguridade da localidade.