Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2015.- Texto definitivo aprobado por unanimidade na Comisión de Pesca tras defender o deputado do BNG, Daniel Rodas unha Proposición non de lei destinada a protexer a zona na que flota galega pesca habitualmente fletán e na que se están a levar a cabo prospeccións petrolíferas: “O Parlamento galego insta á Xunta a impulsar accións políticas para reclamar que se preserve a zona na que se pesca fletán na NAFO, baixo a figura de protección que se estime acaída impedindo outras actividades que ameacen os recursos pesqueiros”.
Na súa intervención, o parlamentario nacionalista criticou a “hipocrisía” de Canada que ata agora reclamaba a “eliminación da actividade pesqueira” argumentando a abundancia de gorgonias e plumas de mar e sen embargo considera que non é prexudicial autorizar as prospeccións petrolíferas.
Por outro lado, Rodas denunciou “o dobre raseiro do Partido popular” que no ano 2013 aprobou un protocolo de inspeccións que permite que a Garda Civil e os inspectores do Ministerio de Agricultura, pesca e alimentación (MAPA) obriguen ás tripulacións a permanecer nas embarcación ata o control das capturas. O despropósito é tal, dixo o deputado que ata lle controlan os “quiñóns”, cantidade de peixe que o mariñeiro leva para utoconsumo.
O deputado congratulouse do apoio unánime acadado na comisión de pesca e lembrou que este día 8 comeza en Vigo o Forum da FAO que abordará a xestión dos océanos. Para o deputado, neste Forum deben quedar claroa os dereitos das comunidades de pescadores sobre os recursos e contra “os intereses dos oligopolios”.