22 de Xaneiro de 2017

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O alcalde de Burela mantivo este martes unha reunión cos responsables da Comunidade de Montes

12-01-16

OLYMPUS DIGITAL CAMERABurela, 12 de xaneiro de 2016.- O alcalde, Alfredo Llano, mantivo na mañá deste martes unha reunión no Concello cos responsables da Comunidade de Montes de Burela. No encontro falaron da posibilidade de organizar unha feira gandeira e unha rapa das bestas e da necesidade de arranxar a área recreativa do Monte Castelo. O rexedor anunciou que alí se realizará unha reforestación integral con especies autóctonas, que se acometerán melloras nos parques infantís da zona e que se procederá á renovación de farolas por outras con tecnoloxía led. No encontro tamén acordaron a colocación de carteis informativos para facilitar o acceso e a saída do Monte Castelo.

Llano explicou que “hoxe fixemos oficialmente a primeira reunión entre o Concello e a Comunidade de Montes, a través do seu presidente, Ángel Rodríguez, e o seu secretario, o señor Peinó. Estivemos falando de diversas cuestións. Entre elas están poñer a andar a área recreativa do Monte Castelo e tratar de colaborar coa Comunidade en todo aquilo que poidamos dende o Concello, e tamén hai iniciativas coas que estou de acordo, que hai que ver como evolucionan e se desenvolven, pero do que se trata basicamente é de favorecer a actividade que hai no Monte Castelo tanto na área recreativa como na aposta por atractivos tendo en conta o gando que está por alí solto alimentándose”.

O alcalde burelés contou que “unha das primeiras propostas é unha feira anual, con ese gando que está solto, xuntalo unha vez ao ano e facer as transaccións que se fan nas feiras e unha rapa das bestas para o gando cabalar, para iso hai un recinto que está moi pouco aproveitado, antes estaba dedicado ao tiro ao prato, e imos reciclalo para outros asuntos como pode ser esta feira anual e a rapa. Imos intentar darlle para diante a este tema entre todos”.

Alfredo Llano tamén compartiu cos representantes da Comunidade de Montes outros proxectos, “como arranxar a área recreativa, preparala, mellorar as mesas e bancos, repoñer con árbores autóctonas a zona para darlle máis valor e que sexa máis bonita, así vai gañar bastante. Tamén se fala de poñer un bar a funcionar; hai unha caseta que se podería ampliar e ser empregada como bar e dar servizo á xente que se achegue ata alí. Imos intentar plantar especies autóctonas, así que se fará un estudo dunha reforestación integral, que pode ser moi importante para esta zona recreativa”. E seguiu a relatar que “hai polo menos dous espazos dedicados aos rapaces e xogos infantís, dous parques con xogos. Procuraremos , nun dos casos, arranxalo ben, colocalo, e no outro, adaptalo con novos xogos para que sexa atractivo co obxectivo de que as familias que vaian ao Monte Castelo a pasar unhas horas tranquilamente e gozar do medio ambiente podan ter un atractivo para os máis novos”.

No encontro celebrado na mañá deste martes no Concello tamén se abordaron outras cuestións: “imos procurar facer a recollida de lixo con máis frecuencia e renovar as farolas que están instaladas. Imos intentar aplicar as novas tecnoloxías e o aforro enerxético, así que poñeremos puntos iluminados con tecnoloxía led, así van aguantar máis tempo, vai cambiar a estética e mellorará o aforro. Tamén nos parece moi importante colocar uns carteis indicativos tanto na subida dende Burela ao Monte Castelo como despois nunha rúa que hai alí. Hai que indicala, e que os carteis sexan fáciles de ver e resolutivos para a xente que vai subir. Imos intentar que estean listos xa na primavera”.

O rexedor de Burela tamén indicou que dende a Comunidade de Montes “van procurar facer todo o que estea na súa man. Van celebrar unha asemblea o día 22 ás 20:30 horas na antiga biblioteca, no Salón de Conferencias de Burela, e van falar basicamente das subvencións que poden solicitar para mellorar as plantacións e o entorno do Monte Castelo”. E lembrou que “hai un acordo asinado entre a Comunidade de Montes e o Concello para 25 anos que involucra as dúas entidades con respecto á area recreativa, así que imos potenciar esta área, darlle as melloras que poidamos aplicar e facer desa zona un lugar moi atractivo para que toda a xente que visita Burela teña unha motivación grande para ir alí a este monte e poder gozar tanto das vistas, como do medio ambiente como das festas que alí hai”. Para Alfredo Llano “foi unha xuntanza moi positiva, imos tratar de facelas periodicamente, cada pouco tempo, e máis que nada para estar sempre colaborando uns con outros para que todo no seu conxunto mellore”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive